O BNG vota contra a suba de auga e saneamento en Abegondo por antisocial
Abegondo, 15 de maio de 2013. O BNG votou esta mañá en contra da suba das taxas de auga e saneamento impulsada polo goberno local do PP. A voceira do BNG, Nuria Iglesias, asegurou que coa que está caendo non é de recibo subir as taxas dun ben de primerísima necesidade como é a auga para que a empresa concesionaria do servizo manteña a súa marxe de beneficios.
A voceira do BNG insistiu en que é moito máis normal e transparente modificar todas as taxas á vez e a principios de ano. Segundo o BNG, esta suba ás agachadas prexudica dobremente á veciñanza por cobrar máis pola auga e por facelo sen informala.
Antes de pregarse aos intereses da concesionaria, haberá que asegurarse de que cumpre con todas as obrigas do contrato que ten co Concello, indicou a concelleira do BNG. Entre elas facer melloras e extender a rede, e á vista da xente está como cumpren o contrato, explicou.
Con 478 persoas sen emprego en Abegondo, é inxusto a todas luces cobrarlles máis pola auga, que é un ben que fai falta a toda a veciñanza, engaden os nacionalistas.
Alguén realmente cre que unha valla coa lenda Abegondo quérete vai facer que veña alguén vivir aquí?
Cos 13 000 euros que o goberno do PP tirou nos valos publicitarios na Coruña evitábase subirlle a auga á veciñanza, asegura a portavoz do BNG. Pero Santiso deixou ben claro esta mañá que os cartos públicos non lle doen nada ao dicir que aínda son poucos cartos os que tirou nos valos de Abegondo quérete nas entradas da Coruña, concluíu. Alguén realmente cre que Abegondo quérete vai facer que veña alguén vivir aquí? ironizou Nuria Iglesias, ou serán uns servizos de calidade os que atraerán poboación?.