Reiteramos en Granxa O Cancelo a nosa aposta polo sector lacteo como estratéxico para o País
Desde o BNG tomaron nota tamén da necesidade dunha formación específica para formar capataces e encargados de explotacións agrarias así como de apostar decididamente por unha industria propia para que o valor engadido da produción quede no propio País
Miño, 16 de agosto de 2016. O BNG visitou esta mañá a Granxa O Cancelo para coñecer de primeira man os seus proxectos e para falar das problemáticas do sector lácteo e das súas demandas para un futuro goberno galego. Á visita acudiron Rosana Pérez e María Xosé Bravo, candidatas do BNG as eleccións galegas do vindeiro 25S, acompañadas de representantes do BNG da comarca.
Na visita as candidatas nacionalistas coñeceron de primeira man o traballo da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña e os seus proxectos así como as demandas e propostas para mellorar o sector lácteo que lles trasladaron. É un sector estratéxico na economía do País e precisa un apoio decidido do goberno galego, explicou a candidata do BNG.
As nacionalitas recordaron proxectos pioneiros da Consellería de medio rural do bipartito como o Banco de Terras apenas deu tempo a poñelo a funcionar pero foi unha medida moi importante de cara a solucionar os problemas das terras abandonadas e improdutivas e os que derivan da estrutura da propiedade no País.
Desde o BNG tomaron nota tamén da necesidade dunha formación específica para formar capataces e encargados de explotacións agrarias así como de apostar decididamente por unha industria propia para que o valor engadido da produción quede no propio País. É imprescindíbel apostar pola produción de alimentos de calidade e de cercanía como modelo alternativo, concluíron as nacionalistas.