O BNG reclama á Deputación que remate as beirarrúas na estrada Guísamo-Guiliade

O BNG reclama á Deputación que remate as beirarrúas na estrada Guísamo-Guiliade

“¿Será que Diego Calvo terá pensado fusionar Bergondo con Betanzos e así ofrecernos realizar esta obra como premio?”

 

Bergondo, 24 de abril de 2013. O BNG reclamará no Pleno que a Deputación celebra este venres que o executivo provincial do PP retome os traballos de construción de beirarrúas na estrada provincial DP0810 San Paio (Guisamo) – Guiliade. “É unha obra demandada polos veciños e veciñas do lugar en innumerables ocasións debido a alta perigosidade do tramo, unha estrada estreita, con unha alta densidade de tráfico, que cruza unha zona densamente poboada”, indican desde a asemblea local do BNG.

Os nacionalistas recordan que o proxecto está paralizado desde que un particular opúxose ao mesmo. “Isto provocou que a Deputación dividise o proxecto en dúas fases”, lamentan os nacionalistas bergondeses, que censuran que “a pesares da urxencia as obras non comezaron”.

“Das xestións relativas á primeira fase nada se sabe, e  para a segunda dende setembro de 2011 existe unha resolución relativa ás expropiacións, mais descoñecense as xestións realizadas a partires dese momento”, indican desde o Bloque. Xa non é a primeira ocasión en que o BNG reclama información do proxecto completo, das xestións levadas a cabo ata o momento e a previsión que manexa a Deputación da Coruña ao respecto do comezo das obras. “Non pode ser que os intereses dun particular se antepoñan ao interese xeral da veciñanza”, advirten.

“¿Será que Diego Calvo terá pensado fusionar Bergondo con Betanzos e así ofrecernos realizar esta obra como premio?”, ironizan os nacionalistas, que tamén se cuestionan o silenzo do goberno local de PSOE e Veciños de Bergondo neste tema. “Que intereses estarán a defender todos eles?” se preguntan.

O BNG reclama á Deputación que remate as beirarrúas na estrada Guísamo-Guiliade