Esiximos que o goberno de Miño aclare a débeda real do Concello
“Pedimos a Ricardo Sánchez e ao PP que aclaren dunha vez cal é a débeda real cos expropiados da macrourbanización de Fadesa. A veciñanza de Miño non merece este engano permanente sobre a situación económica do Concello”.
Miño, 19 de abril de 2018. Tras confirmarse estes días que o Concello mantén oculta unha parte da débeda cos expropiados de Fadesa -en concreto 27 parcelamos-, cunha extensión de 45.600 metros cadrados, desde o BNG de Miño denuncian que as parcelas que non foron enviadas ao xurado de expropiación supoñen un montante de 1.182.440 €, “que loxicamente temos que sumar á débeda xa asumida e admitida", declaraba o grupo do BNG de Miño.
As nacionalistas de Miño lembran que con este incremento da débeda “que Sanchez Oroza e os seus socios do PP tentan ocultar se demostra que é falso que o Cogoberno local teña abonado por completo a débeda principal cos expropiados”, na que se xa investiron os 13.744.967 € concedidos nos dous préstamos polo estado.
Neste sentido, desde o BNG de Miño reclaman ao goberno do PP e a Sánchez Oroza “que se deixen as mentiras e aclaren dunha vez cal é o montante total e real da débeda e que asuman que esa débeda, como en calquera outro caso, obrigará ao Concello a facer fronte aos xuros xerados pola mesma”.
As nacionalistas móstranse moi críticas coa postura actual mantida por Sánchez Oroza, que consistiría en “dar largas e ignorar o problema”. Para o grupo nacionalista, “o único que vai conseguir é que Sánchez Oroza e o PP hipotequen aínda máis o futuro do Concello e da súa veciñanza, quen por desgraza é a que está a pagar a desfeita provocada polos gobernos municipais anteriores e actual”.
Desde o BNG insisten en que Miño é o concello máis endebedado de Galiza e con este novo incremento “aínda o será aínda máis, porque a débeda medra cada día que pasa”. Aseguran que as decisións dos gobernos do PP de todos estes anos “sempre tiveron como fin beneficiar a empresas privadas e en contra dos intereses xerais da veciñanza, porque ao recorrer sistematicamente as sentenzas xudiciais, isto supuxo sentenzas en contra e sucesivos aumentos da débeda ano tras ano”.
En definitiva, o BNG pide responsabilidades políticas ao alcalde e os seus socios, “para comezar, a dimisión", e considera “inadmisíbel” que non se coñeza aínda a débeda real nin se castigue aos responsábeis de crear a débeda. Lembran desde o BNG que as persoas expropiadas levan 10 anos en xuízos para cobrar un prezo xusto polas súas fincas, “mentres o PP e as persoas a fronte do concello estes anos, e responsables desta situación seguen gobernando Miño sen asumir ningún tipo de responsabilidade e a Xunta e o Estado, responsábeis tamén por permitir a estafa, continúan sen facer nada para evitar que quen teñan que pagar esta desfeita sexamos os veciños e veciñas de Miño. É indignante”, conclúen.