Demandamos no Parlamento a apertura “inmediata” do centro de día de Miño
O BNG presentou unha batería de medidas no Parlamento de Galiza demandando a apertura inmediata do centro de día de Miño. As deputadas do BNG recordan que se amañou e equipou, con 480 000 euros do Plan E- aos que hai que sumar varios obradoiros de emprego que habilitaron un parque contiguo-, o pazo que a Fundación Rita Ramos posúe na Regueira, un inmoble que a Igrexa cedeu de forma parcial por un periodo de 50 anos xunto coa leira anexa.
Miño, 18 de setembro de 2018. O BNG presentou unha batería de medidas no Parlamento de Galiza demandando a apertura inmediata do centro de día de Miño. As deputadas do BNG recordan que se amañou e equipou, con 480 000 euros do Plan E- aos que hai que sumar varios obradoiros de emprego que habilitaron un parque contiguo-, o pazo que a Fundación Rita Ramos posúe na Regueira, un inmoble que a Igrexa cedeu de forma parcial por un periodo de 50 anos xunto coa leira anexa.
“En innumerabeis ocasións a Xunta anunciou en diferentes campañas electorais a inminente apertura deste Centro de día que o certo é que a día de hoxe segue pechado” indican as parlamentares do BNG. “No ano 2011 en plena campaña das municipais, o PP anunciou por primeira vez a apertura deste centro de día, anuncio que se repetiu no 2015, xusto antes dunhas novas eleccións municipais”, remarcan, lembrando como “nese momento a consellería de Benestar comprometía 30 prazas e 330 mil euros anuais para o mantemento”. “Este gasto non chegou nunca a ter reflexo nos orzamentos da Xunta a pesar das emendas que dende o BNG vimos presentando nos últimos anos” censuran.
“En decembro do pasado ano 2017, o concello de Miño anunciou publicamente que estaba efectuando reformas neste edificio por requirimento da Xunta para proceder a abrir o centro de día, cun retraso xa naquel momento de 8 anos” recordan desde o BNG. Nesa altura, o compromiso anunciado polo PP eran 15 prazas, das 30 que prometera anos antes, para o centro de día, e aseguraba que o proxecto estaba “avanzado porque hai ata empresa adxudicataria do servizo e estaba ata recollida unha partida económica nos orzamentos municipais deste ano para o seu mantemento, xa que se estima que o prezo do servizo serán 7500 euros ao ano que sufragarán, entre a Xunta, o Concello e os usuarios”. “Obviamente, pasou o día e seguimos sen centro de día, estamos rematando setembro e encarando o final do ano e o centro de día de Miño continúa pechado”, resume lacónico o responsábel local do BNG miñense, Henrique Abraira.
Desde o BNG recordan que o concello de Miño non ten actualmente ningún centro de día público aberto, ao igual que carece deste equipamento público toda a comarca das Mariñas, que non conta tampouco con ningún xeriátrico público en ningún dos concellos da comarca. Neste sentido, demandan da Xunta que, “como leva máis de 9 anos prometendo, achegue orzamento e proceda á apertura inmediata do centro de día público de Miño”.