Criticamos que Miño gaste nun xornalista para facer propaganda o que non inviste en servizos básicos

miño-Concello-e1453320236129

“É escandaloso que o alcalde gaste os cartos dos nosos impostos o último ano de lexislatura na súa primeira medida de precampaña electoral, contratar un xornalista para convencernos de que o están facendo ben, mentres se reducen postos de persoal nos servizos que o concello oferta á veciñanza”

Criticamos que Miño gaste nun xornalista para facer propaganda o que non inviste en servizos básicos

Miño, 4 de xullo de 2018. O BNG criticou que mentres se suben impostos á veciñanza e se recortan servizos, o goberno local contrate un xornalista o último ano de lexislatura. “Hoxe saíu publicado no BOP o nomeamento dun xornalista por 15 510 euros de cartos públicos mentres somos o concello máis endebedado do País e grazas a Ricardo Sánchez e ao PP vimos sufrindo recortes de servizos e se nos suben as taxas até o máximo legal”, explicou o responsábel local do BNG de Miño, Henrique Abraira. 

“É escandaloso que o alcalde gaste os cartos dos nosos impostos o último ano de lexislatura na súa primeira medida de precampaña electoral, contratar un xornalista para convencernos de que o están facendo ben, mentres se reducen postos de persoal nos servizos que o concello oferta á veciñanza”, engadiu o responsábel nacionalista. 

Desde o BNG, incidiron en que o goberno local ten a obriga de emprestar á veciñanza cando menos os servizos básicos e “nun concello como Miño onde grazas á nefasta xestión do Partido Popular os últimos 20 anos non se fai sequera o máis básico como a limpeza viaria ou o saneamento e depuración non pode ser que se gasten os cartos dos nosos impostos en ‘limpar a súa imaxe’ de cara ás próximas eleccións”. 

“Pensamos que o goberno aínda ten opción de cambiar de opinión e decidir gastar os nosos impostos en cousas útiles para os veciños e veciñas, en lugar de intentar convencernos de que hai algo positivo no seu desastre de xestión”, concluíu Henrique Abraira.

Criticamos que Miño gaste nun xornalista para facer propaganda o que non inviste en servizos básicos