O BNG exixe ao goberno coñecer as razóns para incumprir a lei de contratos coa escola infantil

 O BNG-Asembleas abertas criticou que o goberno de Miño volva outra vez coas súas idas e voltas, esta vez coa escola infantil.

O BNG exixe ao goberno coñecer as razóns para incumprir a lei de contratos coa escola infantil

Miño, 7 de maio de 2016. O BNG-Asembleas abertas criticou que o goberno de Miño volva outra vez coas súas idas e voltas, esta vez coa escola infantil. Unha das medidas de aforro previstas por intervención era a transferencia de competencias impropias á Xunta de Galiza. Entre elas estaba á da escola infantil, o que suporía un aforro de 30.000 € anuais, segundo datos do propio alcalde. “A Ricardo Sánchez parecíalle un aforro pírrico até o día de hoxe onde anunciou que estaba pensando nun novo cambio de opinión, como ven sendo costume. Ademais agora decide prorrogar o contrato á empresa adxudicataria Novo Alicerce S.L. sen atender as recomendacións da intervención e caendo no que el mesmo está a denunciar dos seus predecesores no cargo”, indicou a portavoz do BNG-AA de Miño, Olalla Barro.

Olalla Barro subliñou que “adxudicación da xestión da escola infantil á empresa Novo Alicerce S.L. en xaneiro do 2010 provocou as protestas de máis de 70 pais e nais da escola, porque o cambio de concesionaria implicaba o cambio de mestras de aula, algo que non tería que acontecer agora, xa que as mestras poderían subrogarse á nova empresa adxudicataria, en caso de resultar un cambio na concesión como consecuencia do concurso público. Por tanto, esiximos coñecer cales son as razóns que ten o goberno de Ricardo Sánchez e o PP para prorrogar a adxudicación”.

 

“O goberno decide prorrogar o contrato á empresa adxudicataria Novo Alicerce S.L. sen atender as recomendacións da intervención e caendo no que el mesmo está a denunciar dos seus predecesores no cargo”

 

Desde o BNG-Asembleas abertas tamén queremos lembrar que concurso foi moi polémico. A empresa Novo Alicerce S.L. foi constituída uns meses antes do concurso e estaba composta por tres extraballadoras da escola infantil, o que motivou no seu momento moitas queixas dos pais e nais. O proxecto educativo obtivo unha valoración moi superior ao resto de empresas, mais o seu cumprimento non foi supervisado polo Concello, cando o proxecto pedagóxico non se desenvolveu, por exemplo, non houbo o número de mestras de apoio deseñado, nin gabinete psicopedagóxico, nin horta, nin excursións...

O BNG exixe ao goberno coñecer as razóns para incumprir a lei de contratos coa escola infantil