O BNG-Asembleas abertas demandou unha homenaxe ás 96 vítimas do terror franquista
O BNG-Asembleas abertas demandou ao alcalde unha homenaxe ás 96 vítimas do terror franquista. Entendemos que a memoria é necesaria, imprescindíbel como acto de reparación, indicou a voceira nacionalista, imos solicitar por escrito no Concello que sexa realizada unha homenaxe a estes 96 veciños e veciñas, e especialmente as 12 persoas asasinadas, que sufriron a barbarie da represión franquista.
Miño, 31 de outubro de 2015. O BNG-Asembleas abertas demandou ao alcalde unha homenaxe ás 96 vítimas do terror franquista. Despois das xornadas que vimos de clausurar, pensamos que é necesario restituír a memoria das 96 persoas, veciñas e veciños nosos, vítimas da sublevación fascista contra a legalidade republicana. O Concello debera renderlles unha homenaxe a todas elas e as súas familias nun lugar de honra do noso Concello, explicou a voceira do BNG-Asembleas abertas Olalla Barro.
Entendemos que a memoria é necesaria, imprescindíbel como acto de reparación, indicou a voceira nacionalista, imos solicitar por escrito no Concello que sexa realizada unha homenaxe a estes 96 veciños e veciñas, e especialmente as 12 persoas asasinadas, que sufriron a barbarie da represión franquista.
Pensamos que supón un gasto mínimo e sería unha maneira de restaurar o pasado democrático do concello e reivindicar o dereito á verdade, á xustiza e á reparación. O proxecto xenocida español non só eliminou fisicamente aos militantes de partidos políticos e sindicatos, tamén pretendía erradicar a súa memoria, por iso urxe homenaxear a quen merece ser homenaxeado despois de tantos anos de terror e silencio, indicou Barro.
Imos solicitar por escrito no Concello que sexa realizada unha homenaxe a estes 96 veciños e veciñas, e especialmente as 12 persoas asasinadas, que sufriron a barbarie da represión franquista
A promoción dos Dereitos Humanos e da Cultura da Paz obriga a pór en valor a figura destas persoas e popularizala entre a propia veciñanza. Miño ten o deber de recordar e o dereito a saber que María Vázquez Suárez fora unha mestra exemplar; que Francisco Gómez Iglesias foi deportado a Mauthausen e Nicasio Mougán Alfonsín ao campo de concentración de San Simón; que o presidente da Sociedade de Agricultores de Leiro, Xosé Tenreiro López, foi fusilado no castelo de San Felipe; que Xosé Sánchez Regueira foi asasinado na súa casa en Bemantes; que Xosé Antonio Caamaño Malde, o presidente da Sociedade Agrícola de Callobre, estivo agochado once anos en Ambroa, que Xosé Quintás Valiño fuxiu na motora "María del Carmen"; que o mariñeiro Manuel Somorrostro Lorenzo foi sentenciado a cadea perpetua; que houbo ducias de persoas asasinadas, presas, fuxidas e maltratadas durante corenta anos de fascismo e que aínda hoxe non é recoñecida a súa dignidade".
"Desexamos que Miño ergua un memorial aos mártires da liberdade cos nomes de María Vázquez Suárez, Xosé María Blanco Barros, Cesáreo Blanco Fernánez, Xosé Fernández Vázquez, Xosé Regueiro Paz, Xosé Antonio Vázquez Moreira, Xosé Tenreiro López, Manuel Tenreiro Mosquera, Xosé Varela Bouza, Daniel Bañobre Ares, Francisco Gómez Iglesias, Francisco Panete Couce", concluíu a portavoz nacionalista.