Propomos no Pleno promover a implantación dun punto limpo supramunicipal
O BNG proporá no Pleno promover a implantación dun punto limpo supramunicipal. Este é un problema que tamén afecta a outros concellos da comarca como Aranga, Irixoa e Paderne así pois o lóxico parece buscar unha solución coordenada
Coirós, 3 de novembro de 2017. O BNG proporá no Pleno promover a implantación dun punto limpo supramunicipal. “A recollida do lixo que se realiza no termo municipal de Coirós deixa moitos residuos sen xestionar ocasionando un mal tratamento por parte das veciñas e veciños ou graves trastornos para aquelas que queren facelo de xeito correcto para non danar o medio ambiente”, explicou a portavoz do grupo municipal do BNG, Pura Ferreño.
“Estamos a falar por poñer algúns exemplos de residuos de pequenas obras, pequenos electrodomésticos, material eléctrico e electrónico, recambios e aceites de pequena maquinaria agrícola, plásticos agrícolas, fito sanitarios, roupa e calzado inutilizable, aceites de cociña, residuos sanitarios...O destino destes residuos é un punto limpo, mais o noso concello non dispón de tal servizo”, engadiu a voceira nacionalista.
Por este motivo o BNG proporá no Pleno o vindeiro mércores “iniciar os trámites cós concellos limítrofes para solicitar da Consellaría de Medio Ambiente a colocación dun Punto Limpo Supramunicipal, que dea servizo a varios concellos que por poboación non poderían manter un punto limpo municipal. Buscarase o emprazamento máis apropiado para o interese xeral e poñeranse a disposición da Consellaría os terreos adecuados”.
“Este é un problema que tamén afecta a outros concellos da comarca como Aranga, Irixoa e Paderne así pois o lóxico parece buscar unha solución coordenada”, indicou Ferreño, “trasladaremos esta proposta a outros concellos da comarca que tamén carecen de punto limpo”.
As nacionalistas solicitaron tamén que o Concello realice unha campaña de información e concienciación para que as veciñas e veciños saiban como utilizar este novo servizo así como para reducir a fracción orgánica que vai ao contedor verde. “Pedimos que o concello se involucre no tratamento do lixo repartindo composteiros para reducir a produción do lixo orgánico que ademais contribuiría a reducir o gasto do Concello nas facturas que pagamos a SOGAMA e suporía un tratamento máis ecolóxico e sostíbel”, concluíu.