O BNG de Coirós traslada ao Parlamento e no Concello pola mellora dos servizos na Galiña Azul

Pura Ferreño é a portavoz do BNG de Coirós
O BNG de Coirós traslada ao Parlamento e no Concello pola mellora dos servizos na Galiña Azul

Coirós, 30 de abril de 2016. Na web de Escolas Infantís de Galicia  indícase  "As escolas infantís da Rede A Galiña Azul están dirixidas a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos. Trátase dun servizo público de atención á infancia, educativo asistencial, que busca adaptarse ao concepto de familia do século XXI e permitir a conciliación da vida laboral e persoal da cidadanía galega ao tempo que facilita a súa inserción no mercado laboral."

Pola contra, desde a apertura da Escola Infantil de Coirós, en setembro de 2012 puidemos comprobar como foi reducindo os seus servizos dificultando cada día máis esa desexada conciliación da vida familiar e laboral e poñendo en cuestión un atinado servizo educativo-asistencial.

O mes de marzo, habilitado para a realización das preinscricións, supuxo un enorme trastorno para as crianzas e as súas familias pola escaseza de persoal e incluso os cambios executados nun curto prazo de tempo. Esta situación motivou estrés e desacougo para as nenas e nenos que incluso manifestaban desagrado por acudir á escola cando nunca antes o fixeran.

 

O BNG de Coirós ven de rexistrar unha moción no Concello e varias iniciativas no Parlamento Galego para demandar a mellora dos servizos na Escola Infantil “A Galiña Azul” da localidade

 

A información que aparece na web sobre horario ofertado (de 8:30 a 15:30) é enganoso e contraproducente. Trátase dun horario de difícil conciliación cós horarios laborais maioritarios á vez que pode levar a moitas familias a desbotar esta escola por non adaptarse ás súas necesidades. A falta de persoal de apoio e que se funcione como unha escola unitaria có tramo de 0-3 anos imposibilita un verdadeiro labor educativo e de realización de actividades no exterior ao estar ocupado o persoal con tarefas de alimentación, aseo, dirección ou administración.

Tendo en conta que no concello de Coirós se rexistrou o nacemento de 13 crianzas no ano 214 e 22 no 2015 resulta moi esclarecedor que neste momento só acudan á Escola Infantil 3 bebés. En definitiva é un feito constatado que existe poboación susceptíbel de ser usuaria deste servizo público. Mais tamén é evidente que son moitas as familias que buscan outras alternativas pola decadencia observada nos últimos anos, nomeadamente no 2015 con un grave efecto sobre as crianzas.

Por todo isto o BNG de Coirós ven de presentar iniciativas no Concello e no Parlamento Galego demandando a ampliación do horario e do persoal, así como a súa continuidade no tempo para garantir un servizo de boa calidade e evitar trastornos no funcionamento xeral da escola e, por encima de todo, a tranquilidade e benestar das crianzas.

O BNG de Coirós traslada ao Parlamento e no Concello pola mellora dos servizos na Galiña Azul