Instamos a elaboración dun plan de seguridade viaria para Bergondo

61899805
N-VI ao seu paso por Guísamo

O BNG de Bergondo insta ao Concello a elaboración dun plan de seguridade viaria para o municipio coordinado entre as diferentes Administracións. Os nacionalistas mostraron todo o seu apoio ás demandas da veciñanza de Guísamo que se concentraron o pasado mércores e que anuncian accións até que se solucione o problema.

Instamos a elaboración dun plan de seguridade viaria para Bergondo

Bergondo, 18 de novembro de 2016. O BNG de Bergondo insta ao Concello a elaboración dun plan de seguridade viaria para o municipio coordinado entre as diferentes Administracións. Os nacionalistas mostraron todo o seu apoio ás demandas da veciñanza de Guísamo que se concentraron o pasado mércores e que anuncian accións até que se solucione o problema.

“Logo de térense producido accidentes en diferentes lugares do noso termo municipal como Sta. Marta, Cortiñán, San Isidro... algúns con perdida de vidas humanas e outras como preto da unitaria de Carrio onde xa se produciron situacións de risco, a gota que colmou o vaso foi o atropelo de dous mozos producido en días pasados na estrada N-VI en Guísamo, aos que desexamos unha pronta recuperación”, explicou o portavoz do BNG de Bergondo, David Carro. “Dende o BNG consideramos que urxe a elaboración dun plan de seguridade viaria para todo o termo municipal coordinado entre as diferentes Administracións competentes en cada vía”, 

“No caso concreto de Guísamo, dende o BNG, consideramos que unha medida que podería axudar a liberar o centro do pobo do elevado volume de tráfico que soporta actualmente, sería a liberalización da peaxe da AP-9”

“Instamos a alcaldesa a reunir na mesma mesa a responsables do Concello, Deputación, Xunta, e Goberno do Estado, e entre todas as Administracións buscar solucións aos problemas de seguridade viaria que vemos que padecemos a cotío espallados por todo o municipio; estudar a mellor solución para cada caso, manter informada a veciñanza para que poidan opinar das necesidades e a problemática que poidan observar como usuarios, detallar cada actuación a realizar e poñerlle un prazo de execución, co compromiso de todos. A seguridade de todos e todas nos é un tema o suficientemente grave como para que se implique todo o mundo na consecución de melloras”, indicou o portavoz nacionalista.

“A instalación de semáforos con pulsador, bandas redutoras de velocidade, mellorar a sinalización, ou pasos de peóns elevados poden servir de axuda para aumentar a seguridade nas nosas estradas”, engadiu Carro. “No caso concreto de Guísamo, dende o BNG tamén consideramos que unha medida que podería axudar a liberar o centro do pobo do elevado volume de tráfico que soporta actualmente sería a liberalización da peaxe da AP-9, xa que deste xeito moitos condutores optarían por esta vía para os seus desprazamentos”.

“Tamén, sería preciso tomar medidas en entornos potencialmente proclives a que se de algunha situación de perigo como preto do colexio ou as escolas unitarias, por onde circulan nenos e nenas de curta idade”, propuxo o portavoz nacionalista. “Levamos anos pedindo medidas para garantir a seguridade viaria ao longo do trazado da N-VI especialmente perigoso diante do Ministerio de Fomento e pensamos que non ten sentido que decidan desde Madrid as medidas a levar a cabo sobre unha estrada que atravesa varios núcleos de poboación na nosa comarca, porque descoñecen a zona e a problemática da veciñanza”, concluíu o portavoz nacionalista. 

Instamos a elaboración dun plan de seguridade viaria para Bergondo