Denunciamos deficiencias na calefacción do Centro de Saúde de Bergondo
O BNG de Bergondo demanda do Goberno Local que solucione canto antes os problemas de calefacción existentes no Centro de Saúde de Bergondo.
Bergondo, 25 de novembro de 2016. O BNG de Bergondo demanda do Goberno Local que solucione canto antes os problemas de calefacción existentes no Centro de Saúde de Bergondo.
“Usuarios e usuarias do centro de saúde trasladáronnos as súas queixas. Semella que dende o cambio de contadores realizado nas dependencias sanitarias a potencia non é a suficiente polo que ao poñer os radiadores, todos eléctricos, salta o diferencial. Debido a isto, non se pode facer uso dos mesmos e chega a facer moito frío, máxime a estas alturas do ano”, explicou o portavoz nacionalista David Carro.
Carro: "Demandamos do goberno local que tome as medidas oportunas para solucionar esta deficiencia o antes posible"
“En pleno inverno non se pode permitir que unha instalación como o Centro de Saúde, a que acoden a diario moitas persoas maiores, nenos e nenas, non conte con un sistema de calefacción axeitado; demandamos do Goberno Local que tome as medidas oportunas para solucionar esta deficiencia o antes posible, xa que no mencionado centro vai moito frío e hai que ter en conta que a el acode xente enferma que pode ver agravada a súa enfermidade”, concluíu Carro.