O BNG esixe acondicionar e garantir a seguridade na área recreativa de Guísamo
O BNG de Bergondo esixe o inmediato acondicionamento da casa reitoral de Guísamo así como da parcela na que esta situada a mesma como xa reclamaramos o pasado mes de febreiro. Hoxe mesmo, o vicario da Coruña declaraba na prensa que non arranxan as reitorais porque non teñen párrocos e non lles dan uso.
Bergondo, 11 de agosto de 2015. O BNG de Bergondo esixe o inmediato acondicionamento da casa reitoral de Guísamo así como da parcela na que esta situada a mesma como xa reclamaramos o pasado mes de febreiro. Hoxe mesmo, o vicario da Coruña declaraba na prensa que non arranxan as reitorais porque non teñen párrocos e non lles dan uso. Ademais, indica que non dispoñen de recursos económicos para o seu acondicionamento; este argumento parécenos totalmente cuestionable, cando a igrexa católica desfruta dos beneficios de recibir anualmente do estado español 159 millóns de euros (no 2.015 800.000 máis que no 2.014), e non abona IBI polas súas propiedades. Por outra parte, entendemos que o Concello debe esixir as súas obrigas a Igrexa igual que a calquera outro veciño ou veciña, polo que esta debe manter as súas propiedades nunhas condicións óptimas, ben sexan construcións ou terreos, explicou David Carro do BNG de Bergondo.
"Segundo a prensa, o Goberno Local esta en negociacións coa igrexa para darlle un uso público a esta vivenda. Descoñecemos cal é exactamente o proxecto que ten en mente o equipo de goberno ou os termos das negociacións mais parécenos atinado que xa que a igrexa se mostra incapaz de manter esta propiedade, esta sexa cedida ao Concello para uso público dos veciños e veciñas, sen embargo, visto o deterioro, consideramos que a cesión e posterior restauración debe producirse de xeito inminente. Así mesmo, se como se indica, preténdeselle dar un uso cultural, dende o BNG propoñemos que o fondo bibliográfico doado polo anterior párroco e que descansa en caixas no sotano da Senra sexa posto a disposición da veciñanza nestas instalacións", indicou o portavoz nacionalista.
A vivenda, moi antiga quedou deshabitada logo do falecemento do anterior párroco, e se xa antes tiña claros síntomas dun galopante deterioro dende aquelas este acrecentouse, de feito fáltalle xa a parte central da cuberta, indicou Carro.
"O entorno atopase nun estado lamentable pese a ser un área recreativa frecuentada por maiores e crianzas"
"A carón desta vivenda situase unha área recreativa moi frecuentada xa que conta con pista polideportiva, e parque infantil e biosaudábel. A vivenda e a parcela están en condicións lamentables polo que se deben tomar medidas para garantir a seguridade na zona antes que teñamos que lamentarnos, cando menos valando a construción e sinalizando o perigo, ou ter conta das partes máis susceptibles de caer" expuxo o nacionalista.
A parcela, chea de maleza é un considerable foco infeccioso con presenza de ratos e outros animais de gran tamaño polo que compre o seu acondicionamento inmediato, xa que tamén sería fácil que se producise algún incendio e na zona existen vivendas moi próximas, engadiu.