O BNG esixiu á Deputación que controle o gasto do Plan Mandeo en Aranga
O BNG reclamou na Deputación que se realice un control e inspección sobre a subvención concedida a Casa Platas para reformar o negocio de hostelería que pechou antes de cumprir o prazo establecido na subvención.
Aranga, 5 de marzo de 2015. O BNG reclamou na Deputación que se realice un control e inspección sobre a subvención concedida a Casa Platas para reformar o negocio de hostelería que pechou antes de cumprir o prazo establecido na subvención. Constanos que en Aranga Casa Platas que recibiu esta subvención está actualmente pechado, explicaron desde o BNG de Aranga, a subvención obrigaba a que o establecemento mantivera a súa actividade como mínimo 5 anos desde o ano 2011 en que recibiu esta axuda, mais pechou o ano pasado así que é evidente que incumpriu este punto, afirmaron.
Estas axudas foron convocadas no ano 2010 desde a Deputación da Coruña para que os establecementos de hostalería se adherisen á marca Refuxios do Mandeo dentro do Plan Mandeo cofinanciado nun 70% con fondos FEDER, indicaron os nacionalistas. Concretamente no caso de Casa Platas recibiu 12.000 euros de cartos públicos no ano 2011 para a mellora da cafetería e 3 anos máis tarde pechou o establecemento por xubilación da persoa titular.
Concretamente no caso de Casa Platas recibiu 12.000 euros de cartos públicos no ano 2011 para a mellora da cafetería e 3 anos máis tarde pechou o establecemento por xubilación da persoa titular
Entendemos que é un malgasto de cartos públicos conceder subvencións a unha empresa privada e que non exista un control posterior de se continúa aberta ou non nin de como se investiron estes fondos, criticaron. Parécenos mais grave aínda no caso dun negocio familiar vinculado ao alcalde do PP.
Desde o BNG reclamaron, polo tanto, na Deputación que se controle esta subvención e no caso de que efectivamente se detecte que se están incumprindo as bases da subvención se solicite a devolución da mesma. Se se invisten fondos públicos en garantir a actividade económica vinculada ao turismo en Concellos como Aranga, o lóxico é que se controle que efectivamente, os cartos se adican a este fin. O contrario é un malgasto de cartos de todos e todas que é desde o punto de vista tanto legal como ético é inxustificabel, concluíron.