Suspendemos as contas ao goberno local
A formación nacionalista fixo onte públicas as súas valoracións sobre a Conta Xeral de Aranga do ano 2017, actualmente en prazo de exposición pública. Para o BNG, as contas do Concello de Aranga retratan un goberno “sen previsión nin programación económica nin proxecto para o noso Concello
Aranga, 16 de xullo. A formación nacionalista fixo hoxe públicas as súas valoracións sobre a Conta Xeral de Aranga do ano 2017, actualmente en prazo de exposición pública. Para o BNG, as contas do Concello de Aranga retratan un goberno “sen previsión nin programación económica nin proxecto para o noso Concello”.
Para o Bloque as contas presentadas son “irreais, cun gasto previsto orzamentado que non se fixo efectivo en 2017 e está por ver se o faráno que queda de 2018. Unha vez máis, as cifras demostran que este goberno elabora orzamentos para vender fume e que o gasto se substancia despois de maneira ben diferente”.
Máis dun millón de euros ao lixo
O Concello de Aranga dispón de tres contas de aforro, que sumaban a finais de 2017 un total de 1.133.690,60€ no banco.
“A veciñanza preguntarase loxicamente a quen beneficia semellante capacidade de aforro e preguntarase tamén para que se recada se se dispón dun orzamento de pouco máis de 8 millóns de euros e queda tanto por facer, tanto por gastar”, interrogábase o portavoz do BNG, Carlos Díaz,
Desde o grupo nacionalista critícase o que se considera “obsesión polo aforro” do goberno local e recorda que se se aforra é basicamenteporque o goberno local non executa as partidas de gastos previstas nos seus orzamentos. Para o BNG, a Conta Xeral é “unha foto da mala xestión do goberno local do PP. Ter no banco semellante cantidade de cartos é inútil, é perder un potencial enorme. Non entendemos como se bota ao lixo máis dun millón de euros”, declara Díaz.
Segue a crecer o custo dos órganos de goberno
Os órganos de goberno supuxeron en 2017 un total de 113.391,66€, cunha dedicación exclusiva (alcaldía) e dúas parciais (tenente de alcalde e concellaría de obras). A respecto de 2016, o gasto nos órganos de goberno aumenta. Así, sen ter en conta as cotizacións á Seguridade Social, se en 2016 o custo do equipo de goberno era 79.030,63€, en 2017 pasa a ser 98.408,34€. Os nacionalistas fan fincapé en que o gasto nos órganos de goberno aumentou este último ano un 19,9%.
Ningún contrato concedido en procedemento aberto
De todos os contratos, constata o Bloque, non hai ningún en procedemento aberto nin en procedemento restrinxido. Todos son contratos negociados e deles hai 150.666,86€ negociados sen publicidade e relativos a “Obras, subministros e servizos”.
Pero o máis significativo, a xuizo do BNG, é que os contratos de adxudicación directa supoñen 952.858,02€, un 59,21% do total adxudicado (1.609.240,61€): “dito doutro xeito 3 de cada 5 contratos son de adxudicación directa, sen competencia, e 425.731,65€ son de contratos “opacos”, é dicir, recollidos na categoría de “Otros”. Non hai maneira de saber que se contrata e con quen. Estamos a falar, en definitiva, de contratos “a dedo”, ideais para tirar un rédito electoral, e desde logo non para beneficiar o conxunto da veciñanza, denuncia o responsábel nacionalista.
Unha xestión das subvencións moi mellorábel
Desde o BNG lamentan que “outro ano máis” o Concello demostre ineficiencia e falta de axilidade para xestionar os cartos procedentes de convenios coa Deputación da Coruña ou coa Xunta. Concretamente, o BNG fala de 143.800,52€ (67.967,18€ procedentes da Xunta e outros 75.833,34€ procedentes da Deputación), que non se fixeron efectivos en 2017 porque non se formalizaron contratos.
Non podemos deixar de criticar que queden sen contratar en 2017 a cantidade de 156.205,12€ do POS. Sen executar tamén están 2.030,17€ do programa para impulsar a formación xuvenil e outros 20.747,34€ do programa Aprol Rural para o fomento do emprego no rural procedentes da Xunta.
“Temos acceso a financiamento para o fomento de emprego da mocidade, por exemplo, pero perdémolo por falta de ideas”, denuncia Díaz.
“É incríbel a falta de visión deste goberno local. Este diñeiro podía ter financiado obras e servizos xa en 2017. Non pode ser que entre solicitar investimento, levar a cabo a obra e xustificala, se tarde tanto tempo. Sorprende a falta de interese e de traballo que demostra este goberno”, afirma o portavoz nacionalista.
Un goberno-xestoría sen proxecto político
Desde o BNG consideran que a Conta Xeral deste ano demostra que Aranga carece dun goberno e incide na idea de “goberno-xestoría”, do que xa teñen falado os nacionalistas.
“O que se espera dun bo goberno é que programe a medio prazo, que teña ideas e proxecto, un horizonte concreto, e non que improvise. Pola contra, o que temos en Aranga é un goberno-xestoría, que mete as cousas no orzamento a salto de mata, sen previsión nin programación”.
“Aranga está a perder arreo poboación: mentres, o goberno teima en aforrar, ano tras ano. Estamos a perder un financiamento vital para o futuro do municipio. O que si aumenta, curiosamente, é o gasto dos órganos de goberno, que superan xa os 100.000€ nun concello con menos de 2000 habitantes. En definitiva, entendemos que as prioridades debían ser ben outras: ter menos diñeiro para o banco, gastar menos nos orgaos de goberno ou reducir os contratos a dedo, destinando máis aos servizos e fomentando a actividade económica no Concello, posto que para iso pagamos impostos”, remata Díaz.