Criticamos a falta de proxecto do goberno local que deixou sen investir máis de 1 millón de euros dun orzamento de 4,2 millóns
Parécenos preocupante que o goberno local do PP se congratule de aforrar un cuarto do orzamento municipal. Está claro que cando preto do 25% do orzamento queda sen investir hai un problema de falta de proxecto político ou de que o orzamento aprobado non se correspondía coa realidade
Abegondo, 28 de marzo de 2018. O BNG criticou a falta de proxecto do goberno local de Abegondo que deixou sen investir máis de 1 millón de euros dun orzamento de 4,2 millóns. “Parécenos preocupante que o goberno local do PP se congratule de aforrar un cuarto do orzamento municipal. Está claro que cando preto do 25% do orzamento queda sen investir hai un problema de falta de proxecto político ou de que o orzamento aprobado non se correspondía coa realidade. No BNG vemos claro que Abegondo e os seus veciños e veciñas teñen necesidades que o goberno local non está cubrindo”, explicou a portavoz do BNG, Cristina López.
“Abegondo ten acumulado un remanente positivo de mais de 1 millón 700 mil euros nun concello onde apenas hai alternativas de emprego e a xente marcha traballar á cidade. Deberase facer un esforzo en apoiar os sectores produtivos e as pequenas empresas como fonte de emprego e para fixar poboación, en lugar de aforrar non sabemos con que finalidade”, explicou a portavoz nacionalista. “A maioría do concello non ten beirarúas nin sendas peonís có perigo que supón para os peóns e non hai apenas alternativas de transporte ao coche particular. Estas son algunhas das necesidades nas que se podería investir parte dese remanente”, engadiu a nacionalista.
Desde o BNG consideran que o goberno local intenta gabandose desta liquidación facer “da necesidade virtude, foi incapaz de executar o gasto que tiña previsto e intenta facernos ver que deixar sen executar case un cuarto do orzamento municipal é positivo”, concluíu a portavoz do BNG.