O BNG-AA de Abegondo oponse á nova taxa por denuncias urbanísticas
O BNG-Asembleas Abertas manifestou a súa oposición á taxa de cen euros por presentar denuncias urbanísticas ante o Concello, aprobada pola Corporación de forma unánime.
Abegondo, 8 de abril de 2016. O BNG-Asembleas Abertas manifestou a súa oposición á taxa de cen euros por presentar denuncias urbanísticas ante o Concello, aprobada pola Corporación de forma unánime. O que Santiso propuxo e todo o Pleno respaldou é facer un uso fraudulento dun tributo, denuncia Cristina López, voceira nacionalista en Abegondo.
Neste sentido, desde o Bloque explican que en tanto que o urbanismo é unha competencia municipal, presentar unha denuncia en vía administrativa é parte do procedemento e polo tanto é tamén responsabilidade municipal. O que non quere o PP de Santiso Miramontes é ter que sancionar por saltarse as normas urbanísticas, sosteñen. Convén lembrar que en teoría é obriga da veciñanza denunciar as ilegalidades se o Concello non actúa de oficio, isto é, se o goberno local consinte e mira para outro lado, explican desde o BNG.
Santiso, e todos os concelleiros que apoiaron a súa proposta, están provocando que a veciñanza de Abegondo quede máis indefensa cando os seus dereitos son atacados
As nacionalistas cuestionan ademais que esta nova taxa é inxusta desde o punto de vista do poder adquisitivo da veciñanza. Se hai que pagar cen euros diante dunha inxustiza para poder denunciar, só o fará quen teña eses cartos de sobra, explica López. As nacionalistas denuncian que se quere configurar esta taxa como un arancel para impedir que calquera poida denunciar. No caso contrario, habería bonificacións en función da renda sosteñen.
As taxas son para financiar servizos públicos, non para funcionar como unha barreira que evite que a xente exerza un dereito, engade Cristina López. Por este motivo, no BNG dubidan da legalidade da taxa creada por unanimidade pola Corporación abegondesa.
Mesmo hai procedementos que exixen ter esgotado a vía administrativa para poder ir ao xulgado, que segundo o alcalde é onde se teñen que presentar as denuncias, e neste sentido esta taxa estaría mesmo imposibilitando acudir á Xustiza por non ter presentado no seu día unha denuncia no Concello explican. Santiso, e todos os concelleiros que apoiaron a súa proposta, están provocando que a veciñanza de Abegondo quede máis indefensa cando os seus dereitos son atacados, conclúen.