Tras a sentenza do Supremo, o BNG reitera que o goberno de Miño debe dimitir inmediatamente
Miño, 9 de maio de 2014. O BNG exixiu a saída inmediata do Concello do alcalde, Jesús Veiga, e de todos os concelleiros e concelleiras do PP logo de que o Tribunal Supremo confirmase a condea contra o Concello polas expropiacións de Costa Miño Golf.
O PP ten que asumir as súas responsabilidades ante esta condea que obriga ao Concello a pagar 21 millóns de euros, máis xuros e costas, ás persoas que foron expropiadas para que Fadesa construíse a súa macrourbanización, indicaron os nacionalistas miñenses.
O que non se entende é que o alcalde e o goberno do PP teimasen en defender os intereses de Fadesa en lugar de pagar o que lle adebedan á súa propia veciñanza ironizou Henrique Abraira, do BNG de Miño. ¿A quen defende o PP, ao pobo de Miño ou a Martinsa - Fadesa?" pregúntase.
A Fiscalía debe actuar contra os responsábeis desta xestión urbanística neglixente que dun xeito descarado pretendía favorecer a Fadesa en contra dos veciños e veciñas de Miño, aseguran desde o BNG. A política do PP só busca enriquecer a uns poucos a costa dos expropiados e da veciñanza de Miño, engaden. Terán que aclarar que intereses defenden, aínda que semella bastante obvio que non son os da veciñanza de Miño, inciden.
Nin Jesús Veiga nin ningún dos concelleiros do PP que antepuxo a comenencia de Fadesa ao interese da veciñanza teñen lexitimidade para sentarse no Concello nin un minuto máis, explicou Abraira. Por este motivo, os nacionalistas exixen ao goberno conservador que asuman as súas responsabilidades e dimitan.
Desde o BNG recordan que Veiga fixo parte de todos e cada un dos sucesivos gobernos do PP que foron tramitando a macrourbanización de Costa Miño Golf. Sendo pirixel en todas estas salsas, como pode dicir que non sabe nada,que con el non vai e que descoñece as sentenzas, insiste Abraira.
Nin Jesús Veiga nin ningún dos concelleiros do PP que antepuxo a comenencia de Fadesa ao interese da veciñanza teñen lexitimidade para sentarse no Concello nin un minuto máis
Os nacionalistas advirten que a situación do Concello agrávase cada día máis por culpa da irresponsabilidade dos sucesivos gobernos locais do Partido Popular. Que saída lle queda agora a un Concello como Miño, cun orzamento anual que non chega aos 5 millóns de euros? pregúntanse. Tería que estar máis de catro anos para poder pagar todo e sen gastar un peso nas necesidades básicas da veciñanza como servizos sociais, educación, ... ou simplemente o mantemento básico, explican. Isto é o que pretende facer o PP, sacrificar todos os servizos públicos e subir taxas e impostos para volver a favorecer aos especuladores? pregúntanse.
O BNG xa trasladou todo isto ao Parlamento de Galiza o pasado verán, cando os deputados Francisco Jorquera e Ana Pontón presentaron unha iniciativa para que a Xunta e o Concello unha solución aos afectados e afectadas. A Xunta agóchase ante os problemas e dá a calada por resposta, apoiando así o modelo urbanístico desmesurado e especulativo que defende o PP lamentan. Obviamente volveremos a levalo ao Parlamento de inmediato e que o PP se retrate outra vez defendendo, co seu silenzo, á promotora, indican.