En resposta ao BNG, a Comisión Europea asegura que pedirá explicacións pola EDAR de Gandarío
Bergondo, 9 de abril de 2014. A Comisión Europea asegurou que pedirá aclaracións ás autoridades españolas e decidirá en consecuencia os pasos que haxa que dar en relación coa depuradora de Gandarío. Bruxelas responde así a unha pregunta formulada polo BNG no Parlamento Europeo no que os nacionalistas preguntaban se vai a apercibir a Comisión a Goberno galego da alternativa a esta perigosa ubicación que contradiría as recomendacións europeas en materia de saneamento e depuración de augas.
O executivo comunitario respondeu á eurodeputada do BNG Ana Miranda que a Comisión toma nota da aprobación polo Goberno galego dunha estación depuradora de augas residuais en Gandarío, que estará situada no límite do Lugar de Importancia Comunitaria ES1110007 Betanzos-Mandeo. Bruxelas respalda así a preocupación dos nacionalistas, que advertían na súa iniciativa de que a situación da depuradora está no límite do Lugar de Importancia Comunitaria Betanzos-Mandeo, e a distancia estimada ás zonas dos bancos de moluscos é inferior a 1 500 metros, co que a afectación por augas fecais vai ser irreversible.
Ana Miranda: esta resposta abre novas oportunidades para seguir traballando sobre este tema no Parlamento Europeo
Ana Miranda comunicou a resposta da Comisión Europea directamente á veciñanza de Gandarío no encontro que tivo lugar onte. A candidata do BNG ao Parlamento Europeo explicoulles que esta resposta abre novas oportunidades para seguir traballando sobre este tema no Parlamento Europeo. Nacionalistas e veciñanza acordaron varias iniciativas para continuar a presionar a Xunta e Concello para que dean marcha atrás e opten por outro sistema de saneamento que non teña impacto na actividade pesqueira e turística da zona.