Ana Miranda reúnese en Gandarío cos afectados e afectadas pola depuradora
Bergondo, 8 de abril de 2014. A candidata do BNG ao Parlamento europeo, Ana Miranda, e outros representantes do BNG visitaron a praia de Gandarío para ver o lugar onde se vai instalar a EDAR e despois celebraron un encontro cos veciños e veciñas afectados.
No encontro interviron David Carro do BNG de Bergondo, Amancio Sotillo da comisión de medio ambiente do BNG e a candidata ao Parlamento Europeo, Ana Miranda.
Ademais do elevado impacto paisaxístico, o tipo de depuradora presenta elevados riscos de verquidos incontrolados, e un alto custo de mantemento polo elevado consumo de enerxía, explicou Sotillo, a área préstase a aplicar solucións de depuración descentralizada de tipo natural que resolverían estes problemas, como xa propuxo o BNG no seu momento.
O BNG xa formulou unha pregunta á Comisión no Parlamento Europeo da man de Ana Miranda
A pesar de que houbo un acordo do Pleno do Concello de 2006, que solicitaba que se construíra soterrada, para minimizar o seu impacto, a instalación depuradora construirase sobre-elevada sobre a rasante natural do terreo, e as edificacións poden atinxir os 8 m de altura, indicou Sotillo.
O custo do investimento resulta de 635 euros/habitante e poden estimarse custos de mantemento de 0,28 euros/m3, o que resulta en 250 000 euros anuais, deles, uns 70 000 euros anuais en enerxía, o que resulta inasúmibel para un concello como Bergondo, explicou David Carro. O elevado custo enerxético derívase do tipo de procesos previstos: aireación prolongada e desinfección ultraviloteta, engadiu.
Por outra banda, ao tratarse dunha rede que non separa fluviais de fecais requírese o funcionamento de 3 bombeos, debemos ter en conta os fallos periódicos nestes bombeos e a incapacidade para absorber caudais en situación de fortes chuvias, polo que poderán existir frecuentes situacións de verquidos incontrolados sen depurar, criticou Carro.
O BNG xa trasladou esta problemática no mes de novembro pasado como pregunta á Comisión europea da man de Ana Miranda. A candidata do BNG animou aos veciños e veciñas a seguir loitando por un sistema de depuración sostíbel e que non entrañe os riscos medioambientais que ten este proxecto.
O custo do investimento resulta de 635 euros/habitante e poden estimarse custos de mantemento de 0,28 euros/m3, o que resulta en 250 000 euros anuais, deles, uns 70 000 euros anuais en enerxía, o que resulta inasúmibel para un concello como Bergondo
Esta ubicación é un capricho gubernamental que en lugar de atender as demandas cidadás que reclaman unha ou varias EDAR na situación correcta e que non produzan tanto impacto, ambiental, sobre os recursos mariños e sobre o turismo xa que estas augas de baño son moi apreciadas segue insistindo nunha ubicación inadecuada, explicou Ana Miranda na súa intervención.
É hora que a Unión Europea se reformule que os fondos de cohesión destinados a este fin, deben servir para realizar proxectos útiles, con situacións axeitadas, con todas as garantías medio ambientais, indicou Miranda.