O BNG denunciará na Comisión Europea que o concello de Bergondo impide acceder ao proxecto da EDAR
Bergondo, 14 de abril de 2014. Esta mañá a candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, xunto con veciños e veciñas afectadas pola depuradora de Gandarío e membros do BNG da comarca achegáronse ao Concello de Bergondo para pedir unha copia do proxecto da EDAR de Gandarío. A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Máquez do PSOE, negouse a facilitarlles acceso ao proxecto e mesmo a recibilos.
Temos todo o dereito a ter acceso e recibir copia do proxecto, segundo a directiva europea de información medioambiental, do ano 2003, calquera persoa que o solicite ten dereito a ter acceso e recibir copia dos proxectos medioambientais nos que se invisten fondos da Unión Europea, explicou Ana Miranda. Imos enviar unha carta ao Comisario Europeo de medio ambiente para deixar constancia desta situación e exixir que se lle dea acceso á veciñanza a esta información.
Ana Miranda e outros membros do BNG da comarca acompañaron aos veciños e veciñas afectadas pola EDAR de Gandarío ao concello para intentar conseguir copia do proxecto
A eurodeputada do BNG xa presentara unha iniciativa diante da comisión europea da que obtiveron resposta a pasada semana. A comisión europea xa anunciou que ía solicitar máis información ao estado español sobre este proxecto, mais parece que imos ter que deixar constancia tamén das irregularidades no propio procedemento de tramitación, indicou Ana Miranda.
Reclamamos poder falar coa alcaldesa para deixar constancia da ilegalidade de non permitir o acceso a este proxecto, mais negouse a recibirnos alegando que tiñamos que solicitar unha cita por escrito, criticou David Carro do BNG de Bergondo.
Vimos de solicitar de novo por escrito acceso ao proxecto e que se nos entregue unha copia do mesmo, xa que segundo a lei de procedemento administrativo temos dereito a obter unha copia do proxecto que está en información pública, indicou Carro, o que non nos parece lóxico e que se anuncie na páxina web do Concello que se pode consultar o proxecto e resulta que é mentira.
A alcaldesa, a socialista Alejandra Máquez, negouse mesmo a recibilos contradicindo así a lexislación europea de información en materia medioambiental
O único que pretendiamos e ter acceso ao proxecto e que a alcaldesa nos informara de primeira man, xa que o propio proceso está resultando bastante escurantista para a veciñanza, concluíu Carro, segundo a Xunta as obras comezarán despois de semana santa, pero non se lles explicou aos veciños e veciñas o proxecto nin sequera se ten que ser aprobado polo Pleno e se precisa ou non licenza municipal de obras.