O BNG reclamará no Pleno que se mellore o centro de saúde de Coirós
Coirós, 11 de marzo de 2014. O BNG presentou unha moción en Coirós para exixir que se garanta unha boa calidade na atención sanitaria e a accesibilidade para toda a veciñanza nas instalacións no Centro de Saúde de Figueiras.
Lamentabelmente o centro de saúde atópase nunhas condicións insalubres e falto de mobiliario e accesorios de oficina que permitan ao persoal ofrecer un servizo de calidade, explicou a portavoz do BNG Pura Ferreño. Non se pode, como pretendeu facer no primeiro momento o goberno local do PP, achacar estes danos simplemente ao inverno chuvioso que tivemos, insiste.
Todo o que alí puidemos ver é froito de moitos anos de desidia por parte do goberno municipal e do seu alcalde á cabeza explican os nacionalistas. Este último con duplo delito pois un día tras outro podía constatar, como médico de familia que desenvolveu alí o seu traballo, o tremendo deterioro das instalacións, engade Ferreño.
A denuncia pública do BNG e do persoal do propio centro conseguiu que o Sergas teña asumido unha serie de melloras coma a limpeza e adecuación de almacéns e arquivo, o subministro de móbeis e outros accesorios para consulta e oficina ou o inicio da informatización das historias clínicas.
A denuncia pública do BNG e do persoal do propio centro conseguiu que o Sergas teña asumido unha serie de melloras coma a limpeza e adecuación de almacéns e arquivo, o subministro de móbeis e outros accesorios para consulta e oficina ou o inicio da informatización das historias clínicas, cuestión esta absolutamente indispensábel para unha boa atención ás usuarias e usuarios, explicou Pura Ferreño.
O BNG reclamará no Pleno que a Consellería de Sanidade axilice o subministro dos útiles de oficina que a día de hoxe aínda falten para que o persoal poida realizar o seu traballo de xeito seguro e satisfactoria para as usuarias e usuarios, indicou Ferreño.
Pensamos que é imprescindíbel tamén acondicionar e sinalizar as ramplas de acceso ao centro de saúde para facilitar o acceso seguro e doado das persoas con dificultades de mobilidade, reclamou a portavoz nacionalista.
Transporte para garantir o acceso aos servizos sanitarios
"O BNG reitera a súa demanda de habilitar un servizo de transporte municipal que circule por todos os lugares e parroquias de xeito que todas as veciñas e veciños poidan ter acceso doado e gratuíto aos servizos sanitarios", explicou Pura Ferreño. Có mesmo fin tamén se facilitarían os desprazamentos á farmacia e aos servizos administrativos municipais".