O BNG reclama melloras na recollida de lixo
Abegondo, 15 de xaneiro de 2014. O BNG preguntou esta mañá no Pleno polas negociacións do Consorcio das Mariñas con Albada, a empresa encargada de tratar o lixo na planta coruñesa de Nostián. A voceira nacionalista, Nuria Iglesias, dirixiuse ao goberno do PP para coñecer o estado das negociacións e que repercusións ían ter para a veciñanza abegondesa.
Recentemente o BNG da comarca denunciou que, cos datos do comité de empresa da compañía, a cantidade de lixo que se recicla en Nostían non chega ao 5%, o resto, como a propia prensa ten evidenciado, remata indo a incinerarse a SOGAMA ou remata en vertedoiros. Por este motivo, a nacionalista Nuria Iglesias pretendía que o alcalde abegondés explicase o estado destas conversas entre o Consorcio e a empresa.
Mais desde o BNG denuncian que o goberno do PP de Abegondo, lonxe de responder á pregunta como a Lei obriga, mesmo se burlou da edila nacionalista. Como alcalde non sei nada do Consorcio, mofouse José Antonio Santiso Miramontes, tamén presidente do Consorcio das Mariñas dicindo que algo lle sonaba dunhas negociacións pero que a ver como remataban.
Santiso Miramontes búrlase da veciñanza dicindo que o presidente do Consorcio das Mariñas- el mesmo- non lle dixo nada do tema ao alcalde de abegondo, que é el tamén
Os nacionalistas consideran lamentábel que o alcalde non dea explicacións ao Pleno sobre un servizo municipal. O Concello delegou no Consorcio o cobro da taxa do lixo e a xestión do servizo, pero como representantes da veciñanza non podemos desentendernos do mesmo, indicou Nuria Iglesias.
Para o BNG non é en absoluto indiferente o sistema de eliminación do lixo que se aplique, polo tanto o problema non se reduce ao prezo que cobre a concesionaria: a incineración ou o depósito en vertedoiros é un atentado contra a saúde e o medio natural indican os nacionalistas. Resulta máis que curioso que Santiso Miramontes intente darse unha pátina de ecoloxista para ir a todo canto evento hai e que despois como alcalde lle resulte indiferente como e a que custo se elimina o lixo en Abegondo, conclúen.