O BNG reclama que se manteña en funcionamento a escola unitaria de Vilanova
Miño, 10 de agosto de 2013. O BNG amosou o seu rexeitamento ao peche da escola unitaria de Vilanova a consecuencia dos recortes no ensino público que fai o PP desde o goberno galego. Con estas medidas o goberno de Feijóo está facendo que quen vive no rural teña menos dereitos que quen vive nunha vila, apuntou Henrique Abraira, do BNG de Miño.
Os nacionalistas advirten que o peche da escola unitaria deixará con menos servizos a esta parroquia de Miño. Menos servizos no rural supoñen tamén menos poboación no rural, advirten desde o BNG. Este tipo de decisións crean desigualdade entre a veciñanza, facendo da xente da vila persoas con máis dereitos cá quen vive nunha parroquia rural, aseguran os nacionalistas.
Ademais, o BNG cuestiona que co peche das escolas unitarias se introducen máis problemas para a poboación, xa que o desprazamento a un centro escolar máis afastado obriga a contar con medios de transporte, que tamén se está a recortar e restrinxir por parte da administración, e esixe das familias máis tempo, o que repercute negativamente na conciliación da vida laboral e familiar.
Desde o BNG tamén aseguran que a calidade do ensino ofrecido aos nenos e nenas tamén se resinte ao substituír unha atención máis personalizada e no propio entorno pola docencia en centros escolares masificados e mal dotados debido aos recortes no ensino público que fai o PP.
Sobre isto nin o goberno local do PP nin o PSOE din nada, xa que están moi ocupados montando un serial nos medios a conta dunha oficina de turismo que non amaña ningún problema á veciñanza e deixan de lado o ensino público para os veciños e veciñas das parroquias.
Por este motivo, desde o BNG de Miño esixiron ao goberno local do PP que por unha vez, aínda que sexa, mire pola veciñanza. Os nacionalistas esixen do executivo local que se plante diante das políticas que o PP leva contra a maioría social e defenda diante da Xunta a continuidade da escola unitaria de Vilanova e das outras escolas unitarias que seguen a funcionar no concello.
Estes son os problemas que realmente preocupan e afectan á vida cotiá dos nosos veciños e veciñas, indicou Henrique Abraira, do BNG de Miño. Sobre isto nin o goberno local do PP nin o PSOE din nada, lamentou, xa que están moi ocupados montando un serial nos medios a conta dunha oficina de turismo que non amaña ningún problema á veciñanza e deixan de lado o ensino público para os veciños e veciñas das parroquias.