O BNG leva ao Parlamento a condea contra o concello de Miño por Costa Miño Golf
Miño, 14 de agosto de 2013. O BNG reclamou no Parlamento de Galiza que a Xunta se dirixa ao Concello de Miño para buscar unha saída que permita garantir o pago das expropiacións aos afectados por Costa Miño Golf. Nunha iniciativa parlamentaria, os deputados Francisco Jorquera e Ana Pontón, aseguran que resulta palmario, que o concello de Miño non defendeu o interese xeral, nin os dereitos dos veciños e veciñas afectados, actuando claramente para beneficiar a unha empresa privada.
Diante da sentenza que obriga ao Concello de Miño a asumir os 21 millóns das expropiacións á veciñanza de Perbes e Vilanova, os deputados do BNG aseguran que esta sentenza prodúcese despois dun longo proceso xudicial, no que se puxeron de manifesto numerosas irregularidades en todo o procedemento seguido.
De feito, no ano 2006 outra sentenza do TSXG anulara as expropiacións, en base ás irregularidades levadas a cabo no proceso que non se axustaban ao establecido na lexislación vixente, recordan os parlamentares do BNG. Neste sentido, aseguran que a situación xerada no concello de Miño é unha mostra máis dos graves problemas que xera o modelo urbanístico que defende o PP, que destroza o territorio e acaba repercutindo de xeito negativo no conxunto da poboación.
Resulta evidente, que o concello de Miño non defendeu o interese xeral, nin os dereitos dos veciños e veciñas afectados, actuando claramente para beneficiar a unha empresa privada.
Jorquera e Pontón, deputado e deputada do BNG no Parlamento de Galiza, denuncian que é evidente que o concello de Miño suberteu a legalidade vixente para beneficiar a unha empresa, incorrendo nunha grande irresponsabilidade ao non solicitar a Martinsa-Fadesa os avais precisos para facer fronte ás expropiacións, unha vez que numerosos afectados reclamaron un valor superior polas súas propiedades.
Por este motivo, o BNG reclama á Xunta que explique diante do Parlamento a viabilidade do modelo urbanístico que o propio PP quixo levar adiante en Miño, e que se repite en moitos lugares como Barreiros. Pontón e Jorquera reclaman, ademais, que o goberno de Núñez Feijóo analice a situación en que queda o Concello de Miño e aclare se algunha vez a Xunta actuou diante da situación que se estaba a ser denunciada tanto pola veciñanza como polo BNG en Miño.
Ademais, os deputados do BNG exixen á Xunta que aclare se o procedemento elixido para o desenvolvemento da urbanización promovida por Martinsa-Fadesa se axustaba á legalidade vixente. Por este motivo, reclaman que a Xunta traballe co Concello na busca dunha solución que permita pagarlle á veciñanza expropiada o prezo dos terreos que perderon máis dunha década despois.