O BNG reclama a Eloy Babío que renuncie á acta de concelleiro en Bergondo
Bergondo, 8 de febreiro de 2014. O BNG reclama a Eloy Babío que renuncie a tomar posesión da acta de concelleiro en Bergondo xa que sería unha fraude a veciñanza. Despois de ver nos medios de comunicación que Eloy Babío pensa tomar posesión da acta de concelleiro que corresponde ao BNG para representar un programa político que non é có que se presentou ás eleccións municipais, reclamámoslle que renuncie, explicou David Carro do BNG de Bergondo.
Sería unha fraude á veciñanza que tomara posesión da acta para representar un programa distinto que non é co que se presentou as eleccións
O BNG ten organización en Bergondo disposta a representar o programa co que se presentou ás eleccións e traballando todos os días para ser útiles aos veciños e veciñas. Se el vai tomar posesión da acta para representar a outra forza política o que está facendo e converterse nun tránsfuga, criticou.
Ademais, o BNG de Bergondo acusou a ANOVA de incoherencia xa que defenden unha cousa ou a outra segundo o seu interese. A democracia que exixen en Ourense non vale para Bergondo?, preguntou Carro, dicían hai nada, referíndose á entrada no Parlamento de Carmen Iglesias, que as actas non son das persoas senón das organizacións políticas. Pois pedímoslles que en Bergondo apliquen o mesmo criterio, concluíu.