O BNG pide medidas concretas para paliar a alarmante subida do desemprego na comarca
Betanzos, 7 de febreiro de 2014. O BNG demandou unha aposta decidida da Xunta e o Concello para atallar as alarmantes cifras de desemprego na localidade. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, explicou que hai 21 persoas máis sen emprego desde xaneiro, o que sitúa a cifra total en 1206 persoas sen emprego. Isto sen contar as que xa nin sequera se anotan no paro e as que marcharon a buscarse a vida na emigración, engade.
A dicir do BNG, tanto a Xunta como o goberno local deberían buscar alternativas para que toda esta xente atope emprego en lugar de anunciar plans e cursos que nunca chegan e que provocan aínda máis frustración e malestar na xente.
Para os nacionalistas, a destrución de emprego na comarca das Mariñas está traspasando un umbral perigoso. Advirten de que en Miño o desemprego medrou un 7,63% con 38 novas persoas sen emprego. As bondades da fusión de Oza e Cesuras volven a quedar en evidencia logo de que ambos municipios disparasen o paro nun 7% con respecto ao mes anterior, advirten os nacionalistas.
A práctica totalidade das persoas que pasaron a estar sen emprego en xaneiro en Betanzos son mulleres; o desemprego feminino medra alarmantemente
O PP fártase de vender brotes verdes pero nesta comarca o paro avanza de media un 2,32% censuran desde o BNG. Miño é o caso máis alarmante, pero o PP está máis preocupado en sacar adiante a súa segunda macrourbanización ruinosa que en atender os verdadeiros problemas da veciñanza, censura Henrique Abraira, voceiro do BNG na localidade.
Desde o BNG lamentan que o PP desde o goberno galego volvese a abandonar sectores estratéxicos para o desenvolvemento económico da comarca e a creación de emprego. O PP volveu a impedir que se destinen fondos este ano para rexenerar a ría para desenvolver actividades pesqueiras e recreativas, recorda Del Río.
O PP votou en contra das iniciativas que o BNG presentou no Parlamento sen ter alternativas
Igualmente, censuran que os conservadores se negasen a destinar os fondos necesarios para garantir a rehabilitación do Casco Histórico de Betanzos, un dos principais activos culturais e turísticos da comarca. O PP fai moitas declaracións retóricas, pero á hora da verdade a Xunta evita gastar un euro na posta en valor do Casco, lamentan. Desde o BNG consideran que os deputados e deputadas do PP na comarca votaron contra os intereses da súa propia veciñanza ao tumbar as emendas que os nacionalistas presentaron aos orzamentos da Xunta.
Alarmante avance do desemprego feminino
A práctica totalidade das persoas que pasaron a estar sen emprego en xaneiro en Betanzos son mulleres, advirte Del Río. Os nacionalistas aseguran que o número de mulleres sen emprego na bisbarra está medrando alarmantemente.
Para atallar esta situación o BNG demandou no Parlamento 149 000 euros para un plan de emprendemento feminino e un millón para programas de inserción laboral específicos para mozas. O PP votou en contra destas iniciativas porque nos eu modelo de sociedade a muller queda relegada ao fogar, para criar os fillos e atender a casa, denuncian.