O BNG de Bergondo critica o despilfarro en festas e excursións do Goberno Local
Bergondo, 1 de febreiro de 2014. O BNG de Bergondo crítica que o departamento de Servizos Sociais do Concello veña de organizar unha excursión a Coruña para visitar un museo, xantar e ir ao cine ao Marineda City, así como a organizar a "festa dos namorados" con cartos públicos.
Desde o BNG esiximos do Goberno Local do PSOE, que explique aos veciños e veciñas, aos que están a padecer os recortes no servizo de axuda a domicilio, que non contan con centro de día, ou a todo o pobo que acude a pedir axuda ao concello acuciado pola crise e que recibe un non por resposta porqué non hai orzamento para atender estas necesidades mentres se gasta o orzamento de servizos sociais en novas festas e excursións varias, indicou David Carro do BNG de Bergondo.
¿Acaso non é primordial atender as necesidades básicas da veciñanza que esta a pasalo mal, dos nosos maiores sen recursos, ou dos dependentes, antes que as cuchipandas?, engadiu.
"Un goberno que se di chamar socialista, que esta a recortar en servizos básicos, gasta o orzamento en festas e excursións. É un escandalo clamoroso"
Consideramos que a alcaldesa socialista de Bergondo Alejandra Peréz e o seu equipo se trabucaron de opción. En lugar de estar a rexir os destinos dun Concello eralles mellor montar unha asociación recreativo cultural, que son as que verdadeiramente deben organizar este tipo de actos, ironizou Carro, das que por certo en Bergondo contamos con moitas e moi boas, e que teñen que arranxarse como poden, xa que as axudas do Concello son contadas.
Os nacionalistas criticaron tamén o despilfarro que supón enviar convites para estas merendolas aos domicilios mentres se recorta en servizos sociais ou programas de emprego. Enviaron un convite co menú da festa dos namorados e outro para unha excursión á Coruña tamén con comida e con parada no Marineda City, explicou David Carro, debe ser a orixinal forma da nosa alcaldesa de promover o pequeno comercio no noso concello.