O BNG denuncia na estación de tren que as mulleres terán que saír do país para poder abortar"
Betanzos, 11 de febreiro de 2014. O BNG presentou esta mañá en Betanzos a campaña social que desenvolve en defensa do dereito ao aborto. A responsábel de acción feminista do BNG das Mariñas, Estefanía Busto, asegurou que con esta campaña pretendemos informar e concienciar á sociedade sobre o retroceso que a reforma do PP supón nos dereitos das mulleres.
Con esta lei do PP vai decidir sobre o corpo da muller xuíces, médicos, curas ou o propio estado, todo o mundo menos a propia muller, denunciou a voceira do BNG en Oza. O PP pretende que as mulleres volvamos ao rol tradicional de nais e coidadoras suplindo así os servizos que pretenden recurtar, asegurou. Non me estrana que digan que esta lei é boa para combatir o desemprego, pretenden expulsarnos dun prumazo a todas as mulleres do mercado laboral denuncia.
A presentación, que contou coa presenza do responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, e a responsábel comarcal de acción feminista, Vitoria Louro, tivo lugar na estación de ferrocarril Betanzos-Cidade. A elección deste lugar simboliza que viaxar a outro estado para pór fin a un embarazo non desexado vai ser unha poucas alternativas que lle queden ás mulleres galegas, indicou Busto Dopazo.
Con esta lei do PP vai decidir sobre o corpo da muller xuíces, médicos, curas ou o propio estado, todo o mundo menos a propia muller, pretende que volva ao papel de nai e coidadora
A outra alternativa é a volta ás prácticas clandestinas que comprometen gravemente a propia vida da muller, explicou. O aborto é un dereito e este debe garantirse nas mellores condicións sanitarias e realizado por profesionais, cousa que só garante a sanidade pública, engadiu. Por este motivo estamos a desenvolver esta campaña nas rúas e nas institucións, abundou.
O pasado mes de maio presentamos nos concellos unha moción para que se levase adiante unha campaña explicando á veciñanza como afecta a reforma da lei do aborto, indicou Henrique del Río, responsábel de Política institucional do BNG das Mariñas. En Betanzos aprobouse, mais o goberno do PSOE, a pesar de respaldar a nosa moción, negouse a informar ás veciñas sobre como pretende furtarlles o dereito a decidir sobre o propio corpo o goberno do PP, explicou o tamén voceiro do BNG en Betanzos.
O Pleno tamén acordou o pasado mes, co voto do PSOE e a iniciativa nosa, colocar no balcón do Concello unha pancarta co lema polo dereito das mulleres a decidir. Aborto libre e gratuíto, indicou. Deben estar bordándoa a man os concelleiros e concelleiras do PSOE porque van máis de 15 días para facelo, ironizou.
É unha vergoña a actitude do PSOE en Betanzos asegurou. Presentan ao Pleno declaracións en defensa do dereito ao aborto que non están dispostos a defender pública e socialmente para facer unha mera pose, denunciou. Xa é moita hora de que pasen da palabrería aos feitos, porque en Betanzos néganse a dar a cara por un dereito esencial para as mulleres e logo vanse a Madrid a facer ver que son máis progres que ninguén, asegurou.