O BNG reclama arranxos para garantir o subministro eléctrico en Mandaio
Oza dos Ríos, 21 de febreiro de 2014. O BNG de Oza dos Ríos solicitará ao goberno local que demande de Fenosa os arranxos necesarios para garantir o subministro eléctrico na parroquia de Mandaio. Os continuos cortes de luz en Mandaio afectan ao desenvolvemento das actividades cotías da veciñanza. Non se trata de casos illados. Estes cortes véñense producindo desde o ano 2008, informou Estefanía Busto, portavoz do BNG en Oza dos Ríos.
Ano tras ano vemos incrementado o recibo da luz, mais iso non se traduce en mellores servizos por parte de Fenosa
No 2008 Fenosa recoñeceu máis de 20 cortes de luz entre xaneiro e agosto dese ano e asegurou que solucionaría o problema, mais os veciños e veciñas de Mandaio seguen sufrindo os cortes de luz, asegurou a voceira nacionalista. Os nacionalistas puxeron de manifesto a pasividade de Fenosa e do propio concello Cinco anos despois os cortes no subministro eléctrico seguen a producirse, agravados este inverno polas malas condicións climáticas, o que supón un importante prexuízo para a veciñanza, criticou Busto.
A veciñanza de Mandaio ten que ter garantido un subministro eléctrico de calidade
Pola súa banda, a empresa subministradora da enerxía eléctrica está a utilizar carabullos e tubos de PVC como solución temporal en lugar de darlle solución ao problema. Estas medidas tan rudimentarias non evitan o contacto entre os cables nin se corresponden coa suba continuada do recibo da luz, afirmou a concelleira nacionalista. Ano tras ano vemos incrementado o recibo da luz, mais iso non se traduce en mellores servizos por parte de Fenosa. As veciñas e veciños de Mandaio teñen que ter garantido o subministro eléctrico, concluíu Busto.