O BNG denuncia o estado "lamentábel" en que se encontra o Centro de Saúde de Coirós
Coirós, 20 de febreiro de 2014. O BNG denuncia o estado lamentábel en que se encontra o Centro de Saúde de Coirós. O centro de saúde de Figueiras centralizou toda a atención médica do noso Concello desde día 6 deste mes, coa incorporación dun novo médico e co servizo de cita previa, explicou a portavoz nacionalista Pura Ferreño, sen embargo, está nunhas condicións lamentábeis.
Suprimíronse os outros dous puntos de atención sanitaria que había no noso concello (o de Coirós e o de Oís) para centralizalo no Centro de saúde en Figueiras que segundo o Sergas ía facilitar que a veciñanza non tivera que ir a Betanzos para facer os trámites administrativos, explicou a concelleira nacionalista.
Mais, a situación é ben distinta, a día de hoxe a administrativo non ten impresora de tickets para poder imprimir as citas, nin tampouco unha impresora normal para imprimir os resgardos que lle hai que dar aos pacientes cando se lle solicita unha tarxeta sanitaria ou se fai algunha modificación, polo que non pode facer trámites de tarxeta sanitaria, criticou Ferreño.
O BNG anunciou que presentará unha iniciativa no Parlamento galego para exixir ao Sergas que acondicione como é debido o Centro de Saúde de Figueiras
Ademais o propio edificio encontrase nunhas condicións lamentábeis e desde logo non as que serían de exixir a un edificio público onde se trata con enfermos e enfermas, criticou, agora xa retiraron a chatarra do centro, que estaba alí cando abriron, pero segue estando nunhas condicións penosas.
O BNG anunciou que presentará unha iniciativa no Parlamento galego para exixir ao Sergas que acondicione como é debido o Centro de Saúde de Figueiras. O BNG recorda que durante o debate dos orzamentos da Xunta exixiu melloras no servizo de Pediatría na comarca, mais o PP votou en contra desta proposta.