O BNG presentou un recurso contra o nomeamento da xestora de Oza dos Ríos e Cesuras
Oza dos Ríos, 8 de xullo de 2013. O BNG ven de presentar, como xa anunciara, un recurso de reposición contra o nomeamento da xestora do novo Concello creado ao fusionar Oza e Cesuras. Os nacionalistas explicaron que o recurso presentouse porque o método de designación da xestora non respecta a representación equilibrada de representantes procedentes dos dous concellos, explicou Estefanía Busto, portavoz do BNG en Oza dos Ríos, De feito, dentro dos representantes elixidos que se presentaran en candidaturas do Partido Popular xa houbo renuncias para reequilibrar os representantes en orixe en cada concello.
A renuncia dun concelleiro do PP como membro da xestora antes de que se producise o seu nomeamento é unha clara irregularidade, criticou Busto, como vas a renunciar a un cargo para o que non sabes que vas ser nomeado? Ou é que os concelleiros e concelleiras do Partido Popular tiñan acceso a información que os demais grupos nunca tivemos?
Os nacionalistas entenden que a Xunta trasladou os resultados electorais das municipais en cada Concello ao novo Concello fusionado. Coa grave distorsión que isto provoca no resultado, advirten.
O BNG anunciou tamén que está ultimando un recurso contencioso-administrativo contra todo o proceso de fusión
O BNG afirmou que cando se presentou a fusión polos seus promotores, apadriñados pola Xunta de Galiza e a Deputación da Coruña, sempre fixeron gala de que se afrontaba unha fusión equilibrada do punto de vista territorial. Vemos agora como na composición da comisión xestora acontece que en todas as formacións políticas que se presentaron ás eleccións hai unha maior representación dos concelleiros e concelleiras dun dos concellos en prexuízo do outro, indican.
O procedemento utilizado para o nomeamento da xestora é unha barbaridade de tal calibre, que seguindo o mesmo criterio, ao renunciar un concelleiro do PP podería entrar unha do BNG ou ao revés, denunciaron os nacionalistas. Nin sequera se cumpre a paridade entre mulleres e homes na propia xestora, a pesar de que o Concello novo superaría os 5000 habitantes e polo tanto está obrigado por lei a cumprila, denuncian desde o BNG.
O BNG anunciou tamén que está ultimando un recurso contencioso-administrativo contra todo o proceso de fusión que fará público nos próximos días. Como xa anunciamos imos presentar tamén un contencioso contra o decreto que aprobou a fusión de Concellos, explicou a portavoz do BNG en Oza dos Ríos.
Non é de recibo que se leve adiante unha fusión de costas á veciñanza e o propio presidente da Deputación diga que non pode informar á veciñanza por se coa escusa de que é o que querería o BNG, asegura Busto. Por suposto que queremos que os veciños e veciñas poidan opinar nunha fusión que vai ter consecuencias moi importantes na súa vida diaria, concluíu.