O BNG lamenta o "circo" en que convertiron o Concello os diferentes grupos políticos da Corporación
Bergondo, 13 de febreiro de 2014. O BNG criticou o bochornoso espectáculo en que o goberno do PSOE e a oposición de PP, VB e non adscritos convertiron o Concello. Parece que o último en que pensan os concelleiros e concelleiras de Bergondo é na veciñanza, están máis atentos a zouparse entre eles, lamentou David Carro.
Os nacionalistas aseguran que o goberno do PSOE vive fóra da realidade por pretender aprobar un orzamento que destina 27 000 euros a protocolo e propaganda. A comelladas, viaxes ao Marineda City e bombo de todo o que non fan pagándoo a costa da veciñanza, engadiu Carro.
Desde o BNG consideran excesivo o gasto en salarios e dietas de goberno de máis de 111 000 euros. Non nos estrana que o PSOE estea lanzado a aprobar as contas pola porta de atrás, engade.
Parece que o último en que pensan os concelleiros e concelleiras de Bergondo é na veciñanza, están máis atentos a zouparse entre eles
Bergondo lidera a estatística de desemprego nas Mariñas e o PSOE prevé destinar a políticas de fomento do emprego tan só 15 000 euros, advirte o nacionalista. Pola contra, prevé fundir este 2014 uns 36 500 euros en festas, indica. É unha maneira un tanto irresponsábel de queimar os cartos de todas e todos no concello con máis paro da comarca, insisten.
Desde o BNG tamén cuestionan os 72 500 euros que o executivo do PSOE pretende repartir a dedo entre as entidades e colectivos que ao PSOE lle peta por motivos que non aclara. Así, aseguran que o executivo local tan só prevé 12 800 euros para repartir nunha convocatoria pública á que poidan concorrer todas as asociacións en igualdade de oportunidades. Cos cartos de toda a veciñanza o PSOE pretende facer electoralismo en lugar de atender as verdadeiras necesidades de Bergondo, advirten. Entre estes cartos repartidos a dedo, figuran 5000 euros para o Arcebispado. Debe ser que non lles abonda cos cartos que reciben do Estado e con que non paguen a contribución polas fincas da Igrexa, ironizan.
O PSOE vive fóra da realidade ao querer gastar 27 000 euros en protocolo e propaganda, é dicir, en comelladas, viaxes ao Marineda City e bombo de todo o que non fan.
Os nacionalistas cuestionan que o PSOE elaborase os orzamentos sen contar coa opinión da veciñanza. Un orzamento elaborado de xeito participativo é moito máis transparente, a xente sabe en que se gasta, explican. É obvio que iso é precisamente o que quere evitar o PSOE forzando até a ilegalidade a nova lei de réxime local.
O que xa non entendemos é que o PSOE de Bergondo turre con aprobar as contas na xunta de goberno precisamente o mesmo día en que o exministro Caamaño anuncia o recurso do PSOE contra a nova lei local, engadiu. Como en outras moitas cousas, queda claro que o PSOE ten dous discursos en función de se ten que gobernar ou facer oposición, asegura Carro.
Toda a preocupación do goberno do PSOE parece que é facerlle tragar á oposición coas súas contas, nunha actitude déspota, lamentan desde o BNG. E parece que tanto a PP como a VB ou aos non adscritos o único que lles preocupa é zurrarlle ao PSOE en lugar de tratar de chegar a acordos polo ben da veciñanza de Bergondo, concluíu.