O BNG instou a González Cacheiro a asumir a súa responsabilidade na tala do sanatorio de Cesuras
Oza dos Ríos, 11 de novembro de 2013. O BNG criticou a cobardía política do presidente da xestora do novo concello fusionado de Oza-Cesuras ao evadir a súa responsabilidade nas irregularidades da tala do parque forestal do sanatorio de Cesuras. Cando se adxudicou a poxa, a Xestora xa estaba constituída e xa a presidía o Popular González Cacheiro, afirmou a voceira nacionalista, e agora pretende tomar aos veciños e veciñas por parvos coma se el non tivese responsabilidade ningunha en todo isto.
Foi González Cacheiro quen adxudicou o contrato da poxa pola madeira á empresa familiar do seu compañeiro na xestora, criticou Busto, como xa dixemos a xestora constituiuse o 14 de xuño e o contrato adxudicouse o 4 de xullo. Non sabemos a quen pretende engañar mentindo nalgo tan elemental como isto, asegurou Busto.
Agora parece que quere renegar do seu compañeiro do PP Julián Lucas, exalcalde de Cesuras, condenado por estafa e, até onde sabemos, membro do PP aínda hoxe, xa que non foi expulsado, engadiu Busto. En todo caso a responsabilidade do que acontece no sanatorio de Cesuras é do Partido Popular e deben dar unha explicación pública á veciñanza e non xogar ao despiste.
Busto: En todo caso a responsabilidade do que acontece no sanatorio de Cesuras é do Partido Popular e deben dar unha explicación pública á veciñanza e non xogar ao despiste.
Nin o Estado, nin a Xunta nin a Deputación respaldaron económicamente a fusión. Como vimos denunciando no BNG o proxecto de fusión estaba repleto de promesas baleiras, lembrou a portavoz do BNG. É lamentábel termos que ver ao presidente da xestora pedindo esmola nos medios de comunicación aos gobernos do PP no Estado e na Xunta, xa que a responsabilidade é do seu propio partido afirmou Busto en relación ás últimas declaración de González Cacheiro.
Busto lembrou tamén que o PP na Deputación da Coruña, que prometeu unha discriminación positiva para o concello resultante, investise menos no novo concello de Oza-Cesuras que noutros concellos da comarca onde non houbo fusión ninguna, como é o caso de Vilasantar, Aranga ou Irixoa. Diego Calvo, presidente da Deputación e garante de fusións, prometeu discriminación positiva para os concellos que se fusionasen mais as subvencións que recibiu Oza-Cesuras son moito menores que as de outros concellos da comarca apuntou Busto
O proxecto da fusión aprobouse en base a un expediente que o PP está a incumplir, seguimos sen orzamento para a escola infantil, para a rehabilitación do Sanatorio e para o soterramento da vía do tren ao seu paso por Oza apuntou Busto. O PP estivo xogando coas necesidades das veciñas e veciños de Oza dos Ríos, vendendo postos de traballo en Begano e ENCE, dúas empresas das que non hai ningún compromiso de asentarse no novo concello. Debeu aprender maneiras das promesas de Feijoo con Pemex, ironizou.
Desde o BNG criticaron que aínda hai duas semanas o Concello celebrou unha asemblea informativa sobre as vantaxes da implantación de ENCE e a súa repercusión no sector madeireiro. Sen ter ningún compromiso, como afirmou o presidente da xestora aos medios, seguen tentando enganar aos veciños e veciñas como xa fixeron no tema de BEGANO, concluíu Busto.