O BNG exixiu a renuncia do concelleiro de Oza que adxudicou un contrato á súa empresa familiar
Oza dos Ríos, 7 de novembro de 2013. A portavoz municipal do BNG en Oza dos Ríos, Estefanía Busto, criticou que a empresa adxudicataria do contrato de aproveitamento da madeira da finca do Sanatorio de Cesuras pertenza á familia dun membro da Comisión Xestora. Pode que sexa legal porque a empresa non está ao seu nome, mais eticamente parécenos bastante reprobábel que sexa a empresa familiar dun concelleiro a que resulte beneficiada da poxa pola madeira do Parque do Sanatorio, explicou a portavoz do BNG en Oza dos Ríos, estas actuacións son as que provocan a imaxe que os veciños e veciñas teñen da política.
Todo o proceso que rodea este tema do sanatorio está envolto de escurantismo até o punto de que o actual presidente do novo concello fusionado se desentende do tema, alegando que é un contrato do anterior concello de Cesuras cando no informe colgado na páxina web do concello de Cesuras a data é de setembro de 2013 e o acordo de fusión faise efectivo o día 7 de xuño, que é cando se publica no DOG, criticaron desde o BNG. Parece que o presidente da xestora se quere rir de todos nos.
Busto: cando se adxudicou o contrato a Xestora levaba constituída case un mes
A nova corporación desenténdese do asunto e carga toda a responsabilidade no exalcalde de Cesuras, Julián Lucas, mais cando se adxudicou o contrato a Xestora levaba constituída case un mes, apuntou Busto. A data de adxudicación do contrato para a restauración do parque forestal por 168.017,02 é do día 4 de xullo co cal a nova xestora xa estaba constituída.
A adxudicación da poxa pola madeira da corta é do 11de xullo, nesa data o adxudicatario xa era membro da xestora do novo municipio, é dicir adxudicou á súa propia empresa familiar o contrato, criticou Busto. O proxecto de recuperación do parque contou cun orzamento de case 180 000 euros da Xunta a través do Agader e 50 000 da Deputación da Coruña, sen contar os 12 000 euros que se pagaron polo proxecto de restauración do parque forestal no 2011. Toda a veciñanza pode xulgar se é de recibo gastar eses cartos nunha tala de árbores e en 6 bancos de madeira e papeleiras, criticou, parece que algúns seguen entendendo o concello como un negocio persoal, como unha maneira de enriquecerse con cartos de todos.
O BNG exixiu que se deixe de mentir sobre o proxecto para a rehabilitación do edificio
O BNG exixe que se aclare o futuro do edificio do sanatorio, o PP debe aclarar dunha vez que vai pasar co sanatorio, un centro de día neste edificio era unha das moitas promesas da fusión, mais agora vemos que nos orzamentos da Xunta non aparece un peso para a rehabilitación, criticou a voceira do BNG en Oza dos Ríos, non só iso o presidente da xestora agora xa nin sequera sabe se vai ser un centro de día, un local social ou calquera outra cousa. A fusión realizouse en base a un proxecto concreto que contempla este investimento, supoño que haberá que cumprilo, concluíu.