O BNG criticou que a Xunta peche a porta a súa alternativa á EDAR de Gandario sen dato ningún
Bergondo, 29 de outubro de 2013. O BNG criticou que o presidente de augas de Galiza pechase as portas a súa alternativa á depuradora en Gandarío, sen achegar ningún dato nin estudo concreto para xustificar esta negativa.
O BNG presentara o pasado mes a súa alternativa á construción da depuradora en Gandarío. Os nacionalistas avogan por un sistema de saneamento descentralizado para os núcleos rurais que combine as fosas sépticas cun sistema de depurado en balsas biolóxicas con plantas que transformen as augas residuais en aptas para regadío e uso recreativo.
Este tipo de sistemas están á vangarda no tratamento de augas residuais e son máis eficientes que as tradicionais depuradoras, explicaron desde o BNG. De feito, insistiu en que o custe de construción deste tipo de balsas é só o 80% do que custa unha depuradora convencional e o seu custo de funcionamento só supón o 20% do que precisan estas. Os nacionalistas cualificaron de irresponsabilidade a postura do presidente de augas de Galicia, que o domingo nunha entrevista para un medio de comunicación, desbotou esta proposta sen achegar un só dato nin estudo para avalalo.
O presidente de augas de Galiza pecha a porta de forma irresponsábel a unha alternativa mais sostíbel e barata
Os nacionalistas cuestionaron novamente a teima do goberno galego do PP e o goberno local do PSOE en instalar a depuradora a carón da praia de Gandarío, algo que relacionan con intereses urbanísticos mais concretamente coa reactivación do proxecto de macrourbanización da Longueira. Parece que o PSOE quere copiar en Bergondo o modelo urbanístico que critica en Miño, ironizaron.
Defendemos a necesidade de depurar as augas residuais e sanear a Ría, mais este proceso debe facerse con garantías e evitando danos e problemas futuros, explicaron. Os nacionalistas criticaron o investimento previsto nos orzamentos para o ano 2014, que ven de presentar o goberno do PP na Xunta de 1 203 000 euros para o EDAR de Gandarío sen antes ter en conta outras opcións. Trátase dunha obra que está causando unha grande polémica e malestar entre os veciños e veciñas, mais tanto o PSOE coma o PP fan ouvidos xordos e pretenden gastar 1 203 000 euros de cartos públicos sen antes estudar ningunha outra opción que poida resultar mais beneficiosa para a veciñanza, indicaron.
O aforro do 20% que podería supoñer podería investirse nun estudo para a rexeneración da Ría de Betanzos, que está considerada en grande parte Zona C para o marisqueo e que ten varias praias coma a de Sada ou a do Regueiro pechadas ao baño polo nivel de contaminación da auga, criticaron.
O BNG celebrará unha asemblea aberta coa veciñanza para explicar a súa proposta e recoller as opinións dos veciños e veciñas.
A xuntanza será o mércores día 30 de outubro no local parroquial de Ouces ás 20:30 h. e contará coa presenza de Ana Pontón, deputada no Parlamento galego, David Carro do BNG de Bergondo e Manolo Soto, mestre universitario e especialista na materia. O primeiro que debera facer augas de Galiza e o concello e escoitar aos veciños e veciñas e explicarlles con detalle en que consiste o proxecto, os prazos as condicións das expropiacións ., concluíron, aínda que visto é que teñen pensado seguir gobernando de costas á veciñanza.