O BNG exixe ao PP a mellora do servizo de pediatría na comarca
Betanzos, 8 de xaneiro de 2014. O BNG lamentou que o PP se negase no Parlamento de Galiza a destinar nin un só euro para mellorar o servizo de pediatría na comarca das Mariñas. Os nacionalistas explican que o servizo deixa bastante que desexar porque en función do día a veciñanza pode ser atendida no seu concello ou ten que desprazarse para buscar atención médica para os seus fillos e fillas, explicou a voceira do BNG no Concello de Oza dos Ríos, Estefanía Busto.
Desde o BNG explican que, segundo os datos que a Xunta ofrece na web da Consellería de Sanidade, Abegondo, Cesuras e Oza dos Ríos (que para o Sergas seguen a ser dous municipios diferentes) comparten unha pediatra, mentres que os centros de saúde de Miño e Paderne comparten outra. Os centros de saúde de Aranga, Coirós e Irixoa non teñen este servizo e teñen como centro de referencia o de Betanzos, que ten dúas pediatras.
Diante desta situación, os deputados e deputadas do BNG reclamaron que se recollese nos orzamentos da Xunta unha partida de 100 000 euros para a mellora asistencial de pediatría na comarca das Mariñas. O PP reduciu o horario de atención de pediatría polas tardes no centro de saúde de Betanzos, indicou o voceiro do BNG na cabeceira comarcal, Henrique del Río, lembrando que o BNG levou este asunto ao Parlamento dado que supón unha discriminación para as persoas que viven no rural en Betanzos e a súa zona de influencia.
Ademais, o BNG reclamou no Parlamento que se destinen 38 000 euros á mellora e modernización dos centros de saúde de Betanzos e Abegondo. Os deputados nacionalistas presentaron esta emenda aos orzamentos da Xunta logo de comprobar que o PP destinaba só 62 euros á modernización do centro de saúde de Betanzos. Isto non é unha partida orzamentaria, é unha tomadura de pelo, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Os deputados e deputadas do PP no Parlamento de Galiza votaron en contra de investimento de 138 000 euros vitais para mellorar a asistencia sanitaria na comarca. A negativa do PP supón que a dereita dá por bo que a poboación das cidades teña máis servizos que a poboación dos concellos rurais, denuncian os nacionalistas. Trátase dunha medida que vai claramente en contra do proceso de comarcalización dos servizos e do equilibrio territorial advirten.
Esta negativa demostra o nulo interese do PP polo mantemento de poboación e actividade económica nas cabeceiras de comarca, nas vilas e nas aldeas, e o exercicio dunha política que priva á xente destes lugares de máis servizos, incrementando a súa dependencia das grandes cidades explican desde o BNG. Menos servizos no rural implican tamén menos poboación no rural, advirten.
Os nacionalistas lamentan que o PP se negue a destinar 138000 euros á mellora da sanidade nas Mariñas.
Ademais, o BNG cuestiona que ao non investir máis nos servizos sanitarios de atención primaria provócanselle máis problemas á poboación ao obrigala a desprazarse a outros concellos ou acudir directamente ao complexo hospitalario da Coruña, contribuíndo ao seu colapso. Isto exixe das familias máis tempo e obviamente repercute negativamente na conciliación da vida laboral e familiar, indican.
Coa situación económica actual o PP obriga a moitas familias da comarca a facer un gasto adicional en transporte, tanto a nivel de tempo como de cartos, para ter asistencia de pediatría, explica Busto. Non lles chega con todos os copagos que impoñen senón que agora obrigan ademais a gastar en transporte para ter asistencia sanitaria engade. E se non tes coche particular a pagar taxi cando a túa filla ou fillo enfermen os días que non hai servizo no teu concello, porque co transporte público que hai na comarca tampouco solucionas nada, lamenta.
Isto é o que entende o PP por facilitar a conciliación da vida persoal e familiar, poñer trabas e obrigar á xente a desprazarse ao hospital á Coruña, advirten os nacionalistas.
O BNG lamenta que Faraldo, médica, vote en contra de mellorar a sanidade en Betanzos
Desde o BNG lamentan, ademais, que cos problemas de atención primaria que hai na comarca, a deputada do PP que representa a esta comarca votase en contra de mellorar a atención médica. Parece mentira que a señora Faraldo, médica de profesión, defenda que a Xunta continúe deteriorando a sanidade pública sen ningún problema ético indican no BNG.
O goberno central do PP decide deixar sen sanidade gratuíta a unha parte da poboación, o goberno galego do PP consínteo e colabora no desmantelamento da sanidade pública e unha deputada que é médica, que xurou consagrar a súa vida ao servizo da humanidade e colocar como primeira das súas preocupacións a saúde e vida dos doentes, apóiao, denuncian. Parece que máis que un xuramento hipocrático a señora Faraldo fixo un xuramento hipócrita, ironiza Del Río.