O BNG critica o empeño do PP nun proxecto innecesario como o trasvase de Meirama
Betanzos, 2 de xaneiro de 2014. O BNG criticou que o PP convirta nun proxecto estrátexico, mesmo introducíndoo no Plan hidrolóxico galego 2015-2021, sen antes responder as alegacións que presentamos á primeira fase deste proxecto desde o BNG, explicou a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López.
O proxecto é innecesario, asegurou Cristina López, xa que as necesidades de consumo de auga da área metropolitana da Coruña están cubertos sen asumir un investimento deste calibre. Os nacionalistas advirten que para xustificar esta actuación, a Xunta utiliza un cálculo de crecemento da poboación baseado nas taxas de crecemento cos datos máis elevados da pasada década.
Establécese no proxecto un crecemento anual para cada un destes concellos que non resiste comparación cos datos e previsións de poboación do propio Instituto Galego de Estadística, censurou. A proxección a curto prazo do IGE para a área metropolitana da Coruña entre os anos 2012 e 2021 prevé un crecemento vexetativo negativo nesta área de -1142 persoas mentres prevé un mínimo incremento do movementos migratorios de 300 persoas para toda a área metropolitana, insiste. Os datos de poboación estacional, están desactualizados e non se corresponden coa realidade destes concellos engadiu, Cristina López, por exemplo, seguen contando co aumento de poboación no verán do hotel de Sada, que hai meses que está pechado.
Da análise dos datos de poboación e consumo dedúcese que a xustificación da obra na necesidade de garantir o subministro de auga con vistas postas a 20 anos é completamente irreal xa que todos os datos indican que a poboación e o gasto de auga vai diminuír
Da análise destes datos dedúcese que a xustificación da obra na necesidade de garantir o subministro de auga con vistas postas a 20 anos é completamente irreal xa que todos os datos indican que a poboación e o gasto de auga vai diminuír, incentivado isto último incluso con medidas fiscais desde os concellos, explicou. As políticas públicas van encamiñadas á redución do consumo de auga polo seu custo ambiental ademais de económico, explica a responsábel do BNG. O consumo de auga entre os anos 2006 e 2011 foi en continuo descenso segundo os datos facilitados por EMALCSA empresa municipal de augas da Coruña que xestiona a auga do encoro de Cecebre.
Prexuizos medioambientais
Ademais, desde o BNG botan en falta un informe sobre os efectos adversos sobre os valores naturais do encoro de Abegondo - Cecebre, dada a súa condición de zona de especial protección dos valores naturais ao estar incluído na Rede Natura. Entendemos que ademais da avaliación de impacto ambiental sería necesario un informe sobre as repercusións que sobre este espazo natural van ter as modificacións na calidade e na altura da auga asociadas a este proxecto, indica.
Os nacionalistas advirten no seu escrito de alegacións que o proxecto que a Xunta someteu a información pública non garante a calidade da auga do río Barcés, a onde desauga o lago e desde onde captan o abastecemento Abegondo e Carral. No proxecto non se clarifica para nada como se vai facer a depuración para garantir a calidade da auga no río Barcés, advirte.
Trátase dun proxecto innecesario que vai por en perigo o LIC do encoro de Abegondo - Cecebre
Os nacionalistas advirten de que a depuradora para tratar as augas que saian do lago artificial que cubrirá o oco da mina de Meirama- que o proxecto non contempla como obrigatoria- é necesaria para garantir a calidade da auga que se verta de novo no Barcés e, aínda que con este proxecto pase ao encoro de Cecebre para subministro de auga nos concellos que toman a auga deste encoro. O funcionamento e mantemento desta planta depuradora debe ser asumida e mantida pola empresa que explotou a mina de Meirama e en ningún caso con cargo a fondos públicos, concluíu Cristina López.