O BNG criticou a inactividade da Deputación na seguridade viaria da estrada Guisamo-Guiliade
Bergondo, 5 de decembro de 2013. O BNG celebrou no serán de onte unha charla informativa sobre a estrada DP0810, que une o lugar de San Paio, en Guísamo, con Guiliade. A deputada provincial do BNG Silvia Seixas deu conta de que a obra tivo que ser dividida en dúas fases a causa das reclamacións da finca denominada Villa Julia que o propietario pretende facer pasar por patrimonio histórico.
Segundo indicou Seixas, a primeira fase vai ter que tramitarse de novo debido a que caducou o expediente na Xunta para a urxente ocupación das propiedades afectadas. Da segunda nada se sabe e continúa paralizada advertiu a nacionalista baseándose nas respostas recibidas desde o goberno provincial do PP.
A deputada nacionalista explicou que en relación coa seguridade viaria na zona tamén hai unha orde a dous propietarios para talar uns eucaliptos que están pegados á estrada desde o pasado mes de xuño. Desde o BNG anunciaron que insistirán na Deputación para que a corta se leve adiante para garantir a seguridade nesta vía que soporta unha alta densidade de tráfico.
A primeira fase vai ter que tramitarse de novo debido a que caducou o expediente na Xunta para a urxente ocupación das propiedades afectadas e da segunda nada se sabe e continúa paralizada
O BNG comprometeuse coa veciñanza a manter a presión sobre a Deputación para que non deixen de lado esta actuación. Ademais, os nacionalistas aseguraron que as medidas que os veciños e veciñas consideren oportuno levar a cabo para obrigar á Deputación a rematar as obras e garantir a seguridade viaria da veciñanza da zona e de todas as persoas que circulan por esta vía que une os concellos de Bergondo e Betanzos.