O BNG critica que o goberno de Miño insista coa macrourbanización de Monte Piñeiro
Miño, 5 de setembro de 2013. O BNG critica que o goberno local do PP pretenda pagar os pratos rotos da macrourbanización de Costa Miño Golf con outra macrourbanización no Monte Piñeiro. O PP de Miño vive totalmente fora da realidade se pensa que van conseguir cartos vendendo pisos na actual situación económica, criticaron desde o BNG, pretenden executar a toda velocidade unha macrourbanización que non ten ningún sentido xa que hai miles de vivendas baleiras en Costa Miño Golf.
Esta debe ser a forma imaxinativa coa que o alcalde pretende facer fronte ao pago de 21 millóns de euros aos afectados polas expropiacións de Costa Miño Golf, ironizaron os nacionalistas. O BNG considera que o que está demostrando o Partido Popular en Miño é que o importante é favorecer ás promotoras e non defender os intereses da veciñanza.
Esta debe ser a forma imaxinativa coa que o alcalde pretende facer fronte ao pago de 21 millóns de euros aos afectados polas expropiacións de Costa Miño Golf
Os nacionalistas recordaron que o BNG xa levou unha proposición non de lei ao Parlamento Galego en xaneiro de 2011 para intentar paralizar esta barbaridade. Monte Piñeiro está situada nas inmediacions da Praia Grande e a peaxe que dá acceso ao areal, a unha distancia de 400 metros da praia. Esta urbanización vai "afectar gravemente a zonas naturais protexidas e a áreas marisqueiras", indicaron os nacionalistas.
Desde o BNG de Miño informaron que a urbanización de Monte Piñeiro contempla unha densidade de edificación tres veces superior á de Fadesa Costa Miño Golf que á vista está o grande negocio que supuxo para o concello de Miño, ironizan.
O goberno municipal xa pactou unha indemnización coa empresa á que se lle adxudicara a urbanización, polo tempo que estivo paralizada de 3 millóns de euros mais xuros, ademais de acordar que sería o propio concello o que leve a cabo a urbanización do terreo.
Parécenos delirante que o PP anuncie que se van saltar os prazos legais para colar esta nova aberración urbanística como sexa antes da entrada en vigor do POL, concluiron.