O BNG de Coirós demanda adecuación de cargadoiros e vías de saca e transporte de madeira
Coirós, 17 de xullo de 2013. O BNG de Coirós demanda que se habiliten espazos apropiados para facilitar a explotación forestal sen danar o entramado viario municipal.
O concello de Coirós ven de aprobar unha ordenanza exixindo a identificación das persoas profesionais que vaian realizar unha corta de madeira, do lugar onde se realizará e das vías de transporte que se utilizarán. Sen dúbida dita ordenanza é moi completa á hora de exixir responsabilidades a quen traballe no lugar mais non o é tanto no que compete ás obrigas do Concello á hora de poñer os medios para que os traballos forestais e de transporte non ocasionen danos nas vías que perxudiquen a terceiras persoas.
Así pois dita ordenanza recolle a prohibición de usar as vías públicas e cunetas para almacén de madeira mais o goberno municipal non ten habilitado cargadoiros para tal fin. Penalizarase a quen utilice e ocasione algún danos nos camiños mais non se poñen os medios para habilitar e indicar cáles son as vías apropiadas para estes transportes. Hai que engadir que a falta de mantemento das cunetas durante o inverno ocasiona que as habituais choivas saian do cauce e atravesen os camiños ocasionando o seu reblandecemento e perda de resistencia. O paso posterior dos tractores acaba por provocar fochancas e rilleiras.
Por todo isto, a voceira nacionalista Pura Ferreño Saia defenderá no vindeiro pleno que se habiliten cargadoiros nas zonas forestais que faciliten os traballos de saca de madeira sen ocasionar desperfectos nin atrancos nas vías públicas. Tamén se demandará a sinalización de vías adecuadas para transporte de madeira que é, sen dúbida, unha importante fonte de emprego e riqueza no concello de Coirós.