O BNG exixe responsabilidades ao goberno local pola súa inactividade na ampliación da Pedralba
Bergondo, 22 de xullo de 2013. O BNG denuncia a pasividade do goberno local de Bergondo nas obras sen licenza do clube de tenis A Pedralba. Falando coloquialmente por uns e por outros a casa sen varrer, critican os nacionalistas.
Vimos de recibir resposta da Xunta de Galiza as nosas preguntas Parlamentarias e derivan toda a responsabilidade no Concello de Bergondo, gobernado por PSOE e VB, indican os nacionalistas, é desolador saber que estamos sostendo con cartos públicos unha Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e que a Xunta que é a responsábel desta axencia se desentende deste tema.
Non sabemos se a alcaldesa tiña coñecemento de que a competencia sobre autorizacións en solo rústico é dos concellos desde a última modificación da lei do solo, hai xa algúns anos, explicaron desde o BNG, non queremos pensar que o Concello intentou gañar tempo para permitir que as obras rematasen.
Se chega a ser un veciño ou veciña o que executa unha obra sen licenza hai tempo que estaría paralizada
Os nacionalistas criticaron que tanto o PP, na Xunta e na Deputación, como o PSOE e VB no Concello permitiran malgastar cartos públicos nunha obra claramente ilegal. Non sabemos que intereses están a defender neste caso uns e outros pero temos claro que a lei debe ser igual para todos, aseguraron desde o BNG, se chega a ser un veciño ou veciña o que executa unha obra sen licenza hai tempo que estaría paralizada.
Desde o BNG afirmaron que é inmoral nos tempos que corren gastar 8.900 euros de cartos públicos na ampliación ilegal dunhas pistas de tenis privadas. Se algún dia a administración decide actuar esperamos que exixan a devolución destes cartos e mais os xuros, concluiron os nacionalistas.