Logramos o apoio do parlamento para a abrir o centro de día de Miño con dotación orzamentaria

XLRIVAS 2
Mini defendeu a apertura do Centro de Día de Miño no Parlamento

Rivas saudou un acordo que permitirá facer realidade un servizo que leva dez anos de retraso pese as reiteradas promesas e anuncios do PP

Logramos o apoio do parlamento para a abrir o centro de día de Miño con dotación orzamentaria

Santiago de Compostela, 17 de Outubro 2018.- O deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, acadou o apoio de todos os grupos parlamentarios para reclamarlle á Xunta que tome as medidas orzamentarias necesarias para garantir a apertura do centro de día de Miño á maior brevidade posible, tendo en conta que acumula anos de retraso na súa posta a disposición da veciñanza.

Con este acordo, o deputado nacionalista espera poñer fin a década de demora na apertura deste servizo social, “pese as reiteradas promesas e anuncios do PP, case todos coincidindo con citas electorais”, ironizou.

“Solo desde a política municipal se pode comprender a necesidade que ten o país deste tipo de equipamentos, é algo tan obvio como o dereito a ter unha vida digna, e quen negue este dereito está raiando a delincuencia, porque estamos falando do benestar das persoas maiores”, salientou Rivas, quen considerou inxustificable os anos de espera para unha infraestrutura tan importante nun concello que, a día de hoxe, non ten ningún centro de día público.

“Si un concello, se un Goberno da Xunta, se as persoas que mandan teñen vontade política soluciónase en quince días”. O deputado do Bloque confía en que o acordado no Parlamento se materialice o antes posible nos orzamentos da Xunta e poña fin a anos de infrutuosos anuncios. “Dez anos de promesas incumpridas que aparecen coma eses ventos periódicos que tan logo veñen coma se esfuman e que, curiosamente, sempre cadraron coas convocatorias electorais”, criticou.

“Fai tres anos a daquela conselleira de Benestar, Beatriz Mato, visitou o edificio  que acollerá o centro tres meses antes das municipais, e anunciou que a Xunta correría cos gastos de mantemento. Agora, nestes días, a nova conselleira de Política Social volve á carga, a seis meses das eleccións municipais, de novo para xustificar o  retraso na apertura do centro de día”, denunciou.

Este equipamento social pendente de que se poña en funcionamento suma un investimento de 428.000 euros para a reforma do edificio e 52.000 euros na compra de equipamento. O edificio que se habilitou para este fin é o pazo que a Fundación Rita Ramos posúe na Regueira, un inmoble que a Igrexa cedeu de forma parcial por un período de 50 anos xunto co terreo anexo. O Concello destinou ademais fondos de varios talleres de emprego subvencionados pola Xunta para habilitar a primeira fase do denominado Parque das Idades.

Logramos o apoio do parlamento para a abrir o centro de día de Miño con dotación orzamentaria