O BNG celebra o mazazo da Xunta ás políticas especulativas do PP
O BNG celebrou a resolución publicada onte pola Xunta de Galiza con respecto ao proxecto de urbanización de Monte Piñeiro.
Miño, 30 de xaneiro de 2015. O BNG celebrou a resolución publicada onte pola Xunta de Galiza con respecto ao proxecto de urbanización de Monte Piñeiro. Celebramos que se tivesen en conta as alegacións presentadas por diferentes grupos políticos, colectivos e veciños e veciñas, entre elas as presentadas polo BNG, afirmaron desde o BNG de Miño.
A resolución da Secretaría Xeral de Calidade e avaliación ambiental é demoledora e esperamos que, na práctica, supoña un punto final ao despropósito que supón esta urbanización, explicaron desde o BNG. Pon de manifesto consecuencias dificilmente solventábeis polo que confiamos en que esta resolución supoña finalmente a paralización do mesmo.
Á propia Xunta non lle queda máis remedio que recoñecer, como vimos repetindo hai tempo, que esta promoción baséase en perspectivas de crecemento de hai unha década, en plena febre do ladrillo, e non acordes coa nova situación económica e social do municipio e incide no exceso de vivenda baleira ou construcións paralizadas, como a macrourbanización de Fadesa, indicaron.
Parece que a Xunta con esta resolución por fin comeza a velar polos intereses das veciñas e veciños de Miño, das maiorías sociais e non dos especuladores
Acollemos con esperanza esta resolución e agardamos que supoña unha rectificación no que viña sendo o modelo urbanístico defendido polo Partido Popular, tanto na nosa vila como no resto do País, e que consistiu en fomentar a especulación inmobiliaria e pensar en beneficios para as empresas promotoras en lugar de pensar nas persoas, abundaron. Desde o BNG vimos defendendo hai anos a necesidade dun urbanismo sostíbel co noso medio e parece que o Partido Popular finalmente se ve obrigado a rectificar e recoñecer que o modelo aplicado en Miño foi un auténtico desastre.
"Non só recoñecen o dano que causaría esta macrourbanización sobre o ecosistema das marismas, senón pon de manifesto o acusado maltrato que esta ven sufrindo, chegando a por en cuestión intervencións como a estrada nunha sobre a duna da praia e promove que se faga unha análise sobre os viarios da zona dunar polo dano medioambiental que están a causar".
Un dos feitos máis graves de todo isto é a opacidade, ocultismo e información sesgada que ofrecen desde o Concello. Ao máis puro estilo do Partido Popular, no Concello non temos información de ningún tipo sobre este proxecto e non contan cos veciños e veciñas para a toma de decisións nalgo tan importante que vai condicionar o noso día a día en Miño, desde a mobilidade até o que bebemos, desde o endebedamento público até a depuración das augas. "Como sempre o Partido Popular quere hipotecar o noso futuro ás nosas costas para o beneficio duns poucos".