Olalla Barro: "A xestión do goberno municipal no tocante ás praias é lamentábel"
As nacionalistas denuncian que mentres para dispendios como as casetas de segunda man rotuladas o goberno de dereitas atopa cartos, para a seguridade de miñenses e visitantes non se inviste o necesario.Para este goberno son máis importantes as cuestións estéticas, uns casetos rotulados no areal, que as necesidades e dereitos básicos das persoas, como o dereito á saúde, ao medio ambiente e á propia seguridade
Miño, 8 de xullo de 2016. O BNG-AA lamentou a xestión do goberno municipal de Miño no tocante ás praias do municipio. As nacionalistas denuncian que mentres para dispendios como as casetas de segunda man rotuladas o goberno de dereitas atopa cartos, para a seguridade de miñenses e visitantes non se inviste o necesario.
A voceira do BNG en Miño, Olalla Barro, cuestiona que a seguridade e a hixiene son secundarias para o goberno dos recortes lamentando que non se contratasen en tempo a limpeza e o servizo de socorrismo nas praias da localidade, e aínda hoxe o alcalde anunciara que empezarán a traballar 4 dos 13 socorristas que precisan as praias de Miño e que sigamos sen persoal para os aseos públicos ou a limpeza das praias.
Sobre este último, as nacionalistas cuestionan que Miño, cun alcalde que dicía ser a verdadeira esquerda, ofreza as peores condicións laborais para os socorristas de toda a comarca. Pasáronse de máis precarizando o servizo e o resultado é que ninguén se presentou, engade.
Xa sabemos que as persoas somos o último nas prioridades deste goberno, mais cada día temos unha evidencia nova do desleixo e abandono ao que estamos sometidas as persoas que aquí vivimos, explica Barro. Para este goberno son máis importantes as cuestións estéticas, uns casetos rotulados no areal, que as necesidades e dereitos básicos das persoas, como o dereito á saúde, ao medio ambiente e á propia seguridade, engade.
Xa que é tan dado á publicidade, igual non estaba de máis lembrarlle ao goberno local que está a facer publicidade enganosa coa praia, ironiza Barro, que indica que a falta de socorristas é motivo suficiente para que a Miño lle retiren a bandeira azul. A bandeira azul só quere dicir que o areal ten duchas, socorristas e outros servizos, non implica que a auga sexa boa para o baño, pero é que ademais dunha mala calidade da auga non hai os servizos que están a anunciar conclúe.
A mala calidade da auga de baño é o principal problema das praias
Desde o BNG advirten que malia todo isto, o principal problema das praias de Miño segue a ser a calidade da auga. A voceira nacionalista chama a atención sobre o feito de que, un verán máis, a depuradora está completamente saturada.
Aseguran que a parte interior da praia, contra a ría do Baxoi, está pechada ao baño e marisqueo debido á contaminación por augas fecais. Calquera veciño sabe que en verán a depuradora non dá para máis, hai que pór solución a isto antes de encher a praia de casetas ou ir de viaxe a promocionala por aí sosteñen. Por este motivo, demandan ao goberno local que busque solucións.