Reclamamos ao goberno local que impoña un límite máximo de alturas para todo o PXOM
O BNG reclamou ao goberno local que impuxera un límite máximo de alturas para todo o PXOM. Os nacionalistas explicaron que “hai zonas especialmente sensíbeis como a praia de Gandarío, desde a mesma estrada da praia que están clasificadas como solo urbano consolidado”
Bergondo, 21 de setembro de 2017. O BNG reclamou ao goberno local que impuxera un límite máximo de alturas para todo o PXOM. Os nacionalistas explicaron que “hai zonas especialmente sensíbeis como a praia de Gandarío, desde a mesma estrada da praia que están clasificadas como solo urbano consolidado”, indicou o portavoz nacionalista.
“Como seguen sen facer públicas as ordenanzas non sabemos cales van ser as normas da edificación, mais nas fichas dos diferentes polígonos de Solo urbano non consolidado residencial (SUNC-R) que chegan até 0,7 m2/m2 ou mesmo 1 m2/m2 que serían edificios de pisos de como mínimo 3 alturas dependendo da ordenación do polígono, mesmo en zonas como Gandarío a carón da rotonda da praia. Supoñemos que no urbano consolidado a edificabilidade mínima será a mesma ou máis e por iso pedimos ao goberno local que marque un límite máximo de alturas”, explicou o portavoz nacionalista David Carro.
“Desde o BNG pensamos que a ordenación de tres núcleos de solo urbano consolidado no noso concello está bastante fora da realidade. Nós só vemos un núcleo urbano en Guísamo e desde logo tanto Gandarío como San Cidre-Bergondo pensamos que son claramente núcleos rurais tradicionais”, engadiu Carro, “non entendemos que necesidade hai de destruír os núcleos tradicionais para construír con maior densidade cando a propia memoria do Plan recoñece que é probábel que decreza a poboación. Construír 2.800 vivendas non sabemos para quen?”, insistiu o portavoz nacionalista.
O BNG pediu que se teña en conta a opinión dos colectivos ambientais
O grupo nacionalista insistiu na necesidade de afondar na transparencia e participación na redacción do Plan e pediu ao goberno que “teña en conta a opinión dos diferentes colectivos ambientais e de protección do patrimonio que operan no noso concello e na nosa comarca”.
“É necesario facer público o conxunto do PXOM para poder opinar, non entendemos se como nos respondeu o goberno non existen ordenanzas e non se sabe a edificabilidade de cada tipo de solo como calculan o número total de vivendas, a ollo?”, criticou Carro, “é obvio que para calcular o número e despois de publicar os mapas hai unhas ordenanzas feitas e pedímoslle ao goberno que as faga públicas e deixe de intentar enganar a veciñanza vendendo un cambio de modelo que pouco ou nada ten a ver coa realidade”.