Persoas afectadas, grupos ecoloxistas e BNG organizan unha performance en defensa de Gandarío
O BNG de Bergondo xunto cos veciños e veciñas afectadas pola EDAR na praia de Gandarío e outras asociacións ecoloxistas como ADEGA ou Verdegaia organiza unha performance reivindicativa este domingo na praia de Gandarío. Ademais, nesta actividade colaboran outras organizacións políticas como Anova, a Plataforma en defensa da Ría de Sada e Betanzos e contará coa presenza da actriz Isabel Risco.
Bergondo, 24 de xullo de 2014. O BNG de Bergondo xunto cos veciños e veciñas afectadas pola EDAR na praia de Gandarío e outras asociacións ecoloxistas como ADEGA ou Verdegaia organiza unha performance reivindicativa este domingo na praia de Gandarío. Ademais, nesta actividade colaboran outras organizacións políticas como Anova, a Plataforma en defensa da Ría de Sada e Betanzos e contará coa presenza da actriz Isabel Risco.
A actividade está concibida como unha maneira de chamar a atención das persoas que acoden a desfrutar da praia de Gandarío da calidade das augas, neste momento de novo pechada ao baño, e da posibilidade de que a situación da EDAR na praia provoque máis vertidos e, polo tanto, deteriore aínda máis o estado da praia.
Pensamos que é importante que todos tomemos conciencia da importancia que ten ter unha ría saneada e cunha depuración de augas que non sexa un problema para a veciñanza senón unha solución, explicou David Carro, un dos organizadores da actividade. Vemos aquí ao lado casos coma o de Sada cunha depuradora no Porto que está causando moitísmos problemas de verquidos e cheiros continuos que provocan malestar na veciñanza ou a do Regueiro que non soluciona o problema do saneamento até o punto de que é a praia con peor calidade da auga de toda a Ría, explicou.
O que queremos é reclamar saneamento e depuración que garanta a calidade das augas tanto para os sectores produtivos como o marisqueo como para potenciar o turismo e mesmo para o lecer dos propios veciños e veciñas, indicou, a concienciación é o primeiro paso para chamar a atención sobre estes problemas.
Por todo isto, desde a organización chaman á participación da veciñanza e a que se unan para colaborar todos os colectivos, organizacións e asociacións que o desexen para demandar solucións conxuntas a situación na que se encontra a Ría de Betanzos.