Denunciamos un vertedoiro incontrolado preto de Montecelo
O BNG de Bergondo denunciou a existencia dun vertedoiro incontrolado no lugar preto da estrada CP-0805 en Montecelo. Trátase dunha morea de vellas uralitas que conteñen amianto, un residuo altamente contaminante.
Bergondo, 6 de outubro de 2016. O BNG de Bergondo denunciou a existencia dun vertedoiro incontrolado no lugar preto da estrada CP-0805 en Montecelo. ''Trátase dunha morea de vellas uralitas que conteñen amianto, un residuo altamente contaminante'', explicou o voceiro do BNG, David Carro.
Dende o BNG instamos ao Goberno Local a tomar as medidas oportunas para a retirada destes residuos, así como para que non se volvan a dar situacións parecidas, xa que vertedoiros deste ou outro tipo aparecen con demasiada frecuencia no noso municipio.
''A existencia de vertedoiros incontrolados é efectivamente responsabilidade das persoas que depositan os residuos no monte, pero tamén da inanición do Goberno Local xa que non se toman medidas para corrixir a situación'', indicou Carro. O portavoz do BNG insistiu na inacción da Concellería de medio ambiente, que sigue permitindo este tipo de vertedoiros incontrolados pero tamén o vertido de residuos directamente á Ría sen tomar ningunha medida.
''Tratase dunha morea de vellas uralitas que conteñen amianto, un residuo altamente contaminante''
''O goberno local non actúa, como noutros tantos temas, para non perder votos. Aínda que pouco poden exixir a veciñanza cando eles son os primeiros en ter un vertedoiro en pleno corazón do polígono industrial, o goberno é o primeiro que ten que dar exemplo e levar a cabo campañas de concienciación ambiental para que a xente sexa consciente da importancia da reciclaxe, da necesidade dun tratamento adecuado dos residuos e das consecuencias destes vertidos para o medio”, concluíu o portavoz nacionalista.