O BNG alerta da privatización da limpeza das praias e o alumeado
O BNG denuncia a privatización encuberta da praza de electricista do Concello de Bergondo. Logo da xubilación da persoa que cubría o posto ata a actualidade, o goberno local do PSOE deriva sistematicamente os avisos de avarías no alumeado público que fan os veciños e veciñas a unha empresa privada situada no polígono industrial
Bergondo, 11 de xuño de 2014. O BNG denuncia a privatización encuberta da praza de electricista do Concello de Bergondo. Logo da xubilación da persoa que cubría o posto ata a actualidade, o goberno local do PSOE deriva sistematicamente os avisos de avarías no alumeado público que fan os veciños e veciñas a unha empresa privada situada no polígono industrial, explica David Carro, do BNG bergondés.
Os nacionalistas advirten que este non é o único caso da privatización dun servizo municipal en Bergondo, pois tamén está en proceso privatizar o servizo de limpeza de praias. Desde o BNG cuestionan a versión do goberno do PSOE, que sostén que así o exixe a convocatoria de axudas da Deputación, mais é facilmente constatable que isto non é así so con ver a convocatoria e o feito de que outros concellos da contorna están a contratar como sempre.
"Parécenos unha desfachatez que se estean a privatizar estes servizos a dedo, sen dar oportunidade de presentarse a un concurso público en libre concorrencia a todas as empresas que puideran estar interesadas engaden os nacionalistas de Bergondo. Recordan, ademais, que o Concello contratou un "operario multiusos multiservizos" que en teoría, estaría perfectamente capacitado para ocuparse destes traballos" sen pagarlle a unha empresa privada.
Os nacionalistas reclaman ao PSOE que cese no seu empeño de privatizar todos os servizos públicos municipais para único beneficio das empresas
O BNG de Bergondo reclama ao goberno do PSOE que cese no seu empeño de privatizar todos os servizos públicos municipais para único beneficio das empresas. Exixen ao executivo que vele polo interese xeral dos veciños e veciñas de Bergondo.
Neste sentido, reclaman que as avarías da iluminación sexan cubertas co persoal municipal que ten cualificado para iso. Ademais, exixen que o PSOE deixe sen efecto a privatización do servizo de limpeza de praias e contrate, como viña sendo habitual, mediante un proceso aberto ao que toda a veciñanza poida concorrer. Os nacionalistas suxiren que as bases para cubrir estas prazas dean preferencia a persoas que estean sen emprego e atendendo ás súas circunstancias sociais e familiares. É lamentable que a alcaldesa e o PSOE non tenten frear a sangría do paro, aínda que sexa con pequenas medidas como esta, no concello da comarca con maior taxa de desemprego conclúe Carro.