David Carro será o candidato á alcaldía de Bergondo para as municipais
“No BNG traballamos con humildade e honestidade facendo propostas serias para cambiar o noso concello. Bergondo precisa xente seria, honesta, con ‘sentidiño’ e ideas claras”
Bergondo, 20 de outubro de 2018. O BNG presentou nun acto público no Local social de Santa Marta o seu candidato para as vindeiras eleccións municipais, que será o actual responsábel local David Carro. Carro, que xa fora o candidato da formación nacionalista nas anteriores eleccións municipais naceu en Lubre, aínda que parte da súa familia é da parroquia de Guísamo. Traballa nunha pequena empresa no polígono de Bergondo e colabora tamén na directiva dunha asociación de música tradicional do concello.
“Vivimos unha lexislatura convulsa, con varios capítulos de transfuguismo, persoas que se presentan dentro dun proxecto mais priorizan o seu interese persoal sobre o colectivo. O concello parece máis unha feira de siglas e cargos que unha institución. No BNG somos outra cousa, traballamos con humildade e honestidade facendo propostas serias para cambiar o noso concello. Bergondo precisa xente seria, honesta, con ‘sentidiño’ e ideas claras”, explicou o candidato nacionalista.
Xunto con David Carro, conformarán a candidatura do BNG Miguel Angel Nogueira Canle de Ouces, José Francisco Barreiro Prado – Paco de Curuxo- de Guísamo, Margarita Esteban de Lubre, Lourenzo Castro de Carrio, Ana Tacón tamén de Ouces e Oscar Pousada de Carrio. “Presentámonos con forza e ilusión para ser útiles á veciñanza de Bergondo e provocar o cambio que Bergondo precisa. Fronte a un goberno local do PSOE que leva moitos anos gobernando o noso concello sen un proxecto de futuro, deixando pasar o tempo mentres Bergondo parece que está ancorado no século pasado no BNG presentámonos para ser a alternativa de todos aqueles veciños e veciñas que queren outro Bergondo”, explicou Carro.
Despois da presentación o BNG celebrou o seu xa tradicional Magosto ao que asistiu tamén o deputado nacionalista, Xosé Luís Rivas “Mini”.